publicidade hoxe

Lagarto de recandeo de castiñeiro

recandeoAo rematar a primavera, e mesmo antes se o tempo é bo, e ao comezar o verán, van espertando do seu letargo invernal os réptiles, cobras, serpes, lagarto e lagartixas. Para estes é a volta á vida, a recuperación da actividade e o movemento, agora xa co sangue quente. Comezaremos pois, a ver as cabezas tímidas dos lagartos cos seus ollos fixos, asomar polos buratos dos muros de pedra, espreitando o paso dos viandantes. Lagartos e nenos, nenas e lagartos, sorprendíanse mutuamente ao vérense uns diante dos outros. Ese lagarto arnal ou xardón, verde, co pescozo levantado e arrastrando a barriga no medio daquelas catro patas baixas e a toda mecha, meteu nun bo apuro a máis dun neno despistado que ía por un camiño soleado no medio das leiras ou do monte. Non se lle ocorría entón mellor cousa ca agarrar un croio e arrebolarllo ata que, o tamén asustado réptil, se gornecía ocultándose nunha silveira ou agocho que xurdía no momento. Este tipo de encontros e experiencias vai levar a imaxinación dos nenos a facer lagartos de recandeo coa finalidade de darlles algún que outro susto a nenos pequenos e sobre todo ás nenas. Estes animaliños coa variña de vimbio metida entre o lombo adquirían uns movementos áxiles e rápidos, xurdidos da habilidade da man do neno, que acababan por asustar ata o máis pintado por mor da similitude que tiñan cos auténticos réptiles. Así “Polos penedos arriba verde esmeralda, rabo rabelo, pata estirada, corre que corre mociña salada”

Este tipo de lagartos son ben coñecidos nas zonas interiores de Galicia onde prolifera o castiñeiro.

ASÍ SE FAI
lagarto-recandeo-paso-1 lagarto-recandeo-paso-2 lagarto-recandeo-paso-3 lagarto-recandeo-paso-4 lagarto-recandeo-paso-5

MATERIAL: Unha presada de recandeos verdes, unha variña flexible e delgadiña e unha navalla.

TEMPO: 15 minutos.

ESTACIÓN: Verán, no mes de xullo.

Collemos cinco ou seis recandeos e igualámolos polos cus, pero deixando os dous de arriba unha miguiña atrasados, como dous centímetros, que servirán para emular os ollos do futuro lagarto ou largato. A continuación, imos crearlle as patas, tan necesarias nun réptil coma este. Collemos un recandeo e envolvémolo sobre o corpo do lagarto, deixando un anaco de 3 cm para a pata. Para realizar este proceso, primeiro deixamos esa pata e pasamos o recandeo por riba do lombo do lagarto, damos a volta completa e pasámolo por riba da pata de diante a atrás. Volvemos pasar o recandeo por riba do lombo en sentido contrario a como o fixemos antes, ata que acabe o recandeo. Facemos o mesmo proceso coa outra pata dianteira. Collemos outro recandeo e enganchando os das patas, seguimos xirándoo ao redor do corpo. Rematado este, realizamos o mesmo proceso con outro, así ata ter o longo da barriga do lagarto. Agora poñemos outro recandeo por riba do lombo coa punta cara atrás, que nos servirá de rabo. Facemos as outras dúas patas do mesmo xeito cás anteriores, pasándoas por riba do rabo e dos outros xa postos. Coa última pata, antes de rematar o recandeo, metémoslle por debaixo del o propio recandeo, facendo unha especie de nó para asegurar a pata e o proceso total. Para facer este nó é aconsellable sacarlle esas floriñas para que corra mellor o recandeo e gañe en seguridade. Collemos agora unha variña flexible de vimbio e espetámoslla no lombo. Con ela podemos sacar a paseo o lagarto.

lagartos-recandeo-castineiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 10 de Xuño do 2014 | 1:35 p.m.

Outros temas de Picaraxadas