Asubío de merendiñas
Esta planta tamén se coñece cos nomes de cáncaro ou panqueixo. Outros, en Galicia, denomínana cancro, cáncere ou primavera. Este nome de merendiñas emprégase moito na zona de Ortigueira e quere dicir que ao aparecer xa se pode ir de merenda por aí, porque comeza a haber boa temperatura. (Segundo Antón Cortizas, na súa Enciclopedia de brinquedos tradicionais. Tastarabás). É unha planta que aparece ao comezar a primavera. É das primeiriñas en xurdir, despois da etapa fría e triste do inverno. Parece ser que en latín vulgar chamábana prima rosa, é dicir a rosa que primeiro saía, a que realmente anunciaba o comezo da primavera. Deste xeito, en inglés coñécena como primrose, que vén significando o mesmo ca no francés antigo primerose. En Francia, hoxe en día, é denominada primevère. En portugal, prímula. En español tamén recibe o nome de primavera, prímula e mesmo orejas de oso.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unhas cantas flores de merendiñas, que é a primula caulis. ESTACIÓN:Primavera. TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns cinco minutos. O que máis tempo leva é atopar as devanditas plantas. |
Primeiramente debemos ir na procura desta planta. É moi doado atopala polos muros e paredes e mesmo en zonas húmidas e bosques de ribeira do norte e interior da nosa terra. Non se atopa en lugares secos. Debemos arrincala con moito tento porque é unha planta moi fráxil e brandiña. Ao ter forma de funil, para tocar ou asubiar, debemos agarrala con dous dedos por ese tubiño e soprar, iso si, con xeito. Ao soprarmos desa maneira, o tubiño da flor vibrará ao saír o aire. Temos que pensar en recoller varias flores porque se derraman con grande facilidade.