Carraca de madeira
Parece ser que foi unha invención moi antiga, aló polo século V a C, feita por Arquitas de Taranto, filósofo e matemático, mais interesado na física, mecánica e astronomía, que viviu na Magna Grecia e foi o primeiro en contar co movemento para a resolución de problemas. Este aparello estivo sempre vencellado a certos ritos relixiosos e sociais dende esa época. Empregábase na noite do Venres Santo para significar, con ese ruído seco e desapracible, o terremoto ou treboada ao fin das tebras que se produce despois da morte de Cristo. Tamén se empregaba como substituta das campás durante o loito de Pascua para chamar os fieis á misa. Nestes casos eran carracas de maiores dimensións. A partir de aquí, o uso que se lle deu foi moi variado, sobre todo en todo tipo de brincadeiras ruidosas que non querían os seus concorrentes que pasasen desapercibidas.
En Galicia recibe varios nomes: rincha, trécola, matrácola, roncha, relo, tastarabás. No Estado Español é coñecida comunmente como carraca, matraca ou carraco. En Catalunya, chamábanlle garreu de fusta; en Euzkadi, denominábana karraka, traka, raca, carracla ou rana. Nas Illes Balears, fálase de xorrac de fusta. En Grecia é coñecida por roikana; En Portugal, reco-reco, rela, reque-reque e cegarrega. En Francia, la crécelle. En Italia, racola, raganella, cirrìu, firrialoru, cicarr´, tirruòzzua, zigàla dla stmana santa, compièta ou cantarana. En Estados Unidos era empregada na noite do Halloween e denominábana rattletrap.
ASÍ SE FAI
Partindo da preparación do material, previamente sinalado, comezamos por marcar as pezas que, posteriormente, imos empregar para a súa construción. Iniciamos o proceso pola marcación da roda dentada de madeira. Buscámoslle o centro á roda. Situamos nese punto o compás e trazamos unha circunferencia de 4 cm de diámetro, por ambas as caras. Marcamos con lapis e cartabón o diámetro da roda. Perpendicular a este, trazamos outro. Cada ángulo recto resultante, dividímolo á metade e cada un destes, volvelos dividir pola metade. Este proceso repetímolo polos dous lados, mais debemos facerlles cadrar nos seus extremos.
Para marcar os dentes, facemos unha marca co lapis, xusto na metade que corta a circunferencia con cada un dos raios. Agora unimos este punto a 2 mm do vértice de cada raio e por cada lado. Así quedaríanos un dente de 4 mm de grosor na súa punta. Xa co lapis na man marcamos, nun dos extremos das dúas táboas de 15 cm, un punto centrado a 2 cm da base e dos lados. Neste punto, colocamos o compás e marcamos unha semicircunferencia que roce coa base e cos lados. Xa podemos facer co trade os buratos da roda e das táboas. A seguir facemos os dentes da rodela, cos serra e logo perfeccionámolos coa navalla. Rematado isto, podemos recortar coa navalla por onde marcaramos, anteriormente, a semicircunferencia. A seguir, poñémonos co pau, para facer o mango. Daquela, a 9,5 cm dun extremo, facémoslle unha marca ao redor e serramos coa serra, pouco a pouco, a uns 7 mm de profundidade. Imos rebaixando coa navalla ata que nos quede un eixe de 1 cm de diámetro.
Previo á montaxe definitiva, só nos queda rebaixar 3 mm o taco de madeira por unha das súas caras, para que nos fique á mesma altura do conxunto á hora de colocarlle a lingüeta. Comezamos por montar as dúas táboas cravadas ao taco. Agrandamos, coa lima redonda, un pouco os buratos das cabezas das táboas, para que ande máis frouxo o eixe do mango. Introducimos unha miguiña o eixe nunha das táboas, metemos a rodela e puxamos o eixe ata que saia polo outro lado da roda e da outra táboa. Comprobamos que xire con facilidade, pero o piñón ten que ficar moi seguro, deste xeito, cravámoslle unha punta contra o eixe e nunha fenda dos dentes. Finalmente, só nos queda colocar a lingüeta. Daquela, introducímola pola parte de atrás ata que chegue aos dentes, cravamos unha punta e comprobamos se funciona correctamente. Se é así, cravamos as restantes e cortamos a madeira sobrante ata quede a rentes co resto do conxunto. Esta só xira nun só sentido, no outro, trabaríase.