publicidade hoxe

Carrizo de noz

OLYMPUS DIGITAL CAMERAIgual ca o carrizo de cana, lembra polo seu son e, dependendo da pericia que se teña para manipulalo, pola repetición de golpes contra a noz ao trino do devandito paxaro. Por iso, á parte da súa primordial función de repetir diversos ritmos coma unhas castañolas e para acompañar outros instrumentos, tamén se podía empregar como reclamo e realizar pequenas conversas con estes paxariños piadores e buliceiros. Esta última función facíalles tanta ou máis graza aos pequenos coma a propiamente musical, pois poder falar cos paxaros non o facía calquera.

En Galicia tamén recibe os nomes de chiribicocó ou taranquexo. En Portugal era coñecido como grilo, rataplan, cri-cri, carriçoou tic-tic; nas Illes Balears, denominábano castanyeta de mitjanouou de nousencera, mais tamén ropit, sigusic, requetetxecou trec-a-trec, mesmo ás veces empregaban medio coco;en Catalunya, rec-rec, requetecou requetecrec. En Francia coñécese comole cri-cri ou le cliquet, lo bartavel, na Occitania, e lembráballes o ruído de certos insectos. Nalgunhas zonas de Italia (Sardeña) chámaselle mesunuggiou naccherina sarda. En Euzkadi, a isto coñecíano por txepetxa, que se refire ao nome do paxaro carrizo ou carriza.

Segundo FritzKrüger, catedrático alemán de Filoloxía Románica en Hamburgo, morto no 1974, este tipo de instrumentos populares feitos coas cascas das árbores ou dos froitos, son de orixe moi arcaica como o demostran os seus nomes onomatopeicos baseados no son dos instrumentos.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Unha noz, fío de cánabo, un tubo estreitiño de cana duns 6 cm de longo e unha navalla.

ESTACIÓN: Calquera é boa, pero preferentemente no outono.

TEMPO DE FABRICACIÓN: Uns trinta minutos.

carrizo-noz-paso-1
carrizo-noz-paso-2
carrizo-noz-paso-3
carrizo-noz-paso-4

En primeiro lugar fendemos a noz en dúas metades. Baleiramos unha delas e comezamos por facerlle un rebaixe na parte máis ancha, onde estivo presa á nogueira. Debe ter 1 cm de fondo por outro de ancho, aproximadamente. Para facelo, debemos ir rebaixando esa parte coa punta da navalla, tendo coidado que non escache ou nos cortemos. Despois, temos que facer outras dúas fendas en ambas paredes e do medio cara o rebaixe que xa temos realizado. Estas deben ter 2 mm de fondo por outros dous de ancho. Preparamos o tubiño de cana duns 6 cm de longo. Collemos agora o fío de cánabo e dámoslle unha volta todo ao redor, pasándoo polas fendas laterais. Colocamos o tubo de cana encima da volta dese fío e dámoslle outra volta e, finalmente, anoamos as dúas puntas por detrás da barriga da noz. Deste xeito queda o tubo colocado entre as dúas voltas do fío. Para axustar ben o tubo, temos que tirar polo tubo para diante, cara á punta da noz, e comezamos a darlle unha media volta, volver a desprazar, dar outra media volta e así, sucesivamente, ata que tense ben o fío. Para accionalo temos que premer na parte de atrás e soltar de súpeto para que golpee contra a punta da noz. Podemos realizar os ritmos que queiramos, dependendo da nosa habilidade.

carrizo-de-noz

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 28 de Decembro do 2016 | 7:41 p.m.

Outros temas de Picaraxadas