Gorro de castiñeiro
Alto está/barbas ten/ri e guinda/o que contén . Isto é o personaxe desta semana, o castiñeiro, castañeiro ou castiro. Para vir de tan lonxe como veu, da Asia Menor, acostumouse ben entre nós dende o momento en que, parece ser, o trouxeron para as nosas terras os romanos. Foi, e segue sendo, unha árbore moi agradecida con nós. Déunolo todo, alimentación, madeira, sombra, xogo e xoguetes. Estes últimos aspectos son os que nos cómpre atinxir neste momento.
Coñecidas son as brincadeiras que realizaban os nosos nenos e nenas xogando as agochadas nos soutos. Alí atopaban o lugar especial para agocharse detrás destas árbores tan frescas no verán. Tamén se entretiñan xogando a guerrear entre bandos inimigos. Era neste momento cando xurdía a imaxinación para confeccionaren uns chapeus a xeito de casco para identificárense mellor cos do seu equipo, ben fose empregando, para a defensa, pistolas de todo tipo, escopetas ou espadas. Aínda que tamén o gorro podía aparecer, única e exclusivamente, coa función de tapar a cabeza do sol na época estival.
Este tipo de gorros, aínda que poden variar as formas e tamaños, atópanse por moitos lugares. Así, en Portugal son moi coñecidos os denominados chapeus de folha de castanheiro, pero tamén os tiñan de folla de figueira ou de xunco e o máis habitual, común a toda a xeografía peninsular, de papel dunha folla dun xornal ou doutro tipo de papeis, máis ou menos duros. O chapeu ou gorro de xunco xa era coñecido no século XV no que hoxe son os Países Baixos.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Dúas ducias de follas de castiñeiro, unha presa de agullas, pubelas, puxas, pico, marruxo, fasco, buisas, frouma de piñeiro e unha navalla. TEMPO: Media hora. ESTACIÓN:Verán. |
Debemos coller unhas cantas follas de castiñeiro, ben igualadiñas en canto a tamaño, e unha presa de agullas de piñeiro. Collemos dúas follas, xuntámolas polas puntas e abrímolas un pouco do cu. Unímolas, pola beira ou bordo, cunha agulla, previamente cortada polo cu, comezando pola cara interna ou envés da folla ata as puntas e deixando a última puntada cara ao interior. Ao cosermos, cada nova folla que engadamos irá colocada por derriba da anterior. Seguimos unindo unha terceira folla ás anteriores, do mesmo xeito. Continuamos así sucesivamente ata que, ao xuntarmos a primeira coa última, dea a medida da nosa cabeza. Chegados a este paso, procedemos á unión das mencionadas follas. Esta última deberá ir colocada por debaixo da primeira. A continuación facémoslle un rebordo todo arredor do cono para tapar os rabos das follas e, ao mesmo tempo, darlle maior consistencia. Para realizar este proceso con garantías de éxito, collemos unha folla, colocámola por riba dos rabos das outras e cosemos dende a metade cara ao cu desa folla. Collemos outra folla e colocámoslle a punta sobre a metade da anterior e na mesma dirección e amarrámola a esta e ao cono. Continuamos esta tarefa ata chegarmos á que colocamos inicialmente. Neste punto, metemos esta última folla por debaixo da punta da primeira e cosemos. Para que queden ben suxeitas, facemos outro cosido pola parte inferior das anteriores, da mesma maneira. Se quedase algunha punta das agullas á vista, podemos ou debemos cortarllas coa navalla.