Bailarete de carozo de millo
Unha vez máis o movemento é o que impresiona aos máis miúdos. Esa forma de danzar desenfreada que teñen estes enredos, fainos emocionarse e divertirse. Precisamente, esta palabra, bailarete, por este buligar tan de seu, foi adoptada como un cualificativo axeitado a aquelas persoas que cambian moi doado de opinión ou parecer diante de determinadas situacións.Tamén aparece recollido co nome de bailarina de carozo. Este mesmo xoguete era moi coñecido no País Vasco, sobre todo en Biscaia, fosen ou non de carozo de millo, o caso é seren manipuladas cos dedos, sen cordel. Eran consideradas como perinolas e denominábanos perinolakou pospolinak, curabacha, cucurraou poxpoliñak, pospila, kurkubio, kurkubita, kuskuluba, maila, txoko, … dependendo do lugar. En Cataluña tamén se facía e denominábase ballarugaou baralluga de roure(carballo) ou tamén ballaruc, galdirot e trompí. Era practicamente coñecida en todos os luares onde existían os carballos. En Sicilia tamén se ten constatado e chamábanlle strummulicchia. En Portugal téñenos feito de noz, pataca, landra verde, da metade dunha landra e chamábanlles piorras. En Francia eran coñecidas por petitetoupie, toton, zigenet, viretou pirouette, e podían ser de noz, castaña, nabo, abelá, landra, … en fin, de todo aquilo que rodase.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Un carozo de millo, un pauciño recto duns 10cm de longo e unha navalla. ESTACIÓN:Outono, inverno ou calquera outra, pois o carozo consérvase moito tempo. TEMPO DE FABRICACIÓN:Un cuarto de hora ou menos. |
Aproveitando que alguén ou nós mesmos temos que refegar ou debullar millo para as pitas, podemos coller un dos carozos, que sexa ben redondiño, pois así xirará mellor e dará gusto velo danzar.
Cortámolo en varios anacos ou rodiñas 2 ou 3 cm de ancho, así podemos facer varios bailaretes.
Deseguido, agarramos o pauciño e facémoslle unha punta, coa navalla, coma se afiásemos un lapis.
Espetámosllo ben centrado nesa parte branda que ten o corazón do carozo, ata que saia a punta que nós queiramos, máis ou menos 1 cm, mirando sempre que nos quede ben xustiño.
A seguir, cortamos o pau a uns 2 cm polo outro extremo e xa estaría feito o bailarete.
Para facerlle brincar, agarrámolo cos dedos furabolos e matapiollos e xirámolo con forza. Tirada a primeira vez, xa observamos se deberemos cortarlle máis, ou non, ao pauciño, dependendo se baila ben ou non.