Barca de vela de casca de piñeiro
O piñeiro do país, por mor de ter unha casca grosa e doada de arrincar, sempre foi moi empregado polos rapaces para facer argalladas. Hai ben anos, era común ver moreas de piñeiros cortados nas beiras dos camiños para seren transportados aos aserradeiros en carros de vacas ou bois. Moitas veces, neses lugares adoitábase sacarlles a casca coas machadas, creándose verdadeiros almacéns deste material tan cobizado para realizar este tipo de construcións navais. Cando por alí pasaban os nenos co gando para o monte, aproveitaban para collelo e logo convertelo en barcas que botaban polos regos abaixo mentres facían as funcións de pegureiros.Tamén se ten empregado esta árbore nas carpinterías de ribeira e para faceren as caixas para o transporte do peixe nas zonas da costa galega, así como a súa casca tamén para tinxir as redes. Ata a literatura popular se lembraba del cando dicía:”Debaixo do pino verde/ Pepiño ten a súa cama;/cando Pepiño s´acosta/o pino baix´a súa rama.
Este tipo de embarcacións son coñecidas en toda a xeografía galega, abundando máis nas zonas en que existiron os piñeiros, sexa costa ou interior. Tamén en Portugal eran coñecidas como barco de carrasca de pinheiro, nas Illas Baleares e Cataluña como vaixell d ´escorça de pi e mesmo na zona da Bretaña francesa, bateau de sapin agé, onde tamén os facían de guerra. De todos os xeitos, estas embarcacións son típicas de onde hai piñeiros vellos e de casca grosa.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha casca de piñeiro o máis grande e grosa posible, un pau seco de 15 cm por 0´5 cm de grosor de calquera madeira; unha folla mediana de castiñeiro e unha navalla. TEMPO: 30 minutos. ESTACIÓN: Todo o ano. |
Arrincamos unha casca de piñeiro do país do tamaño que queiramos facer a barca. Para arrincala podemos empregar un pequeno machado ou punzón. Esta segunda maneira é menos perigosa. Daquela, espetamos o punzón e panqueamos lateralmente ata que se solte da madeira do piñeiro.
Coa navalla imos facendo unha especie de plataforma plana por arriba e por abaixo. Dámoslle a forma típica dunha chalana, por un estremo rematada en punta e pola outra, perpendicular e aplanada tamén.
A seguir rebaixamos inclinadamente a parte que vai somerxida, a obra viva, e ao mesmo tempo a parte da popa. Así quédanos estribor, babor e proa coa mesma inclinación. Logo, comezamos o baleirado interior da barca. Este oco de proa e popa será duns 2 cm de profundidade, dependendo da anchura da casca, e deixaremos unha parte central sen tocar para o posterior espetado do mastro da vela. Cortamos un pau de longo igual ao do eslora da barca e afiámolo polas dúas puntas e, para espetalo, primeiro collemos a navalla de punta e xirámola sucesivamente ata facerlle un buratiño no que chantamos a presión o devandito pau, quedándonos xa suxeito. Finalmente colocámoslle a folla de castiñeiro coa parte do rabo para baixo. Chantámola pola parte do rabo a uns 2 cm e logo pola parte de arriba, quedará así a vela curvada cara a popa. De facérmola nunha época en que non haxa follas de castiñeiro, podemos empregar para tal fin unha vela de papel. De a barca ser pequena, podemos poñerlle unha folla de menor tamaño coma o loureiro. Unha variante máis sinxela de construír, podería ser sen baleirado na plataforma, unicamente plana e coa vela no centro.