publicidade hoxe

TANQUE

tanque-Paso-6

A tradición oral, outra vez, fixo o seu labor de transmitir ás xeracións máis novas, de boca dos maiores, esta información que chegaba daqueles soldados que acudiran a esas grandes guerras e regresaran, afortunadamente, impresionados polos horrores e convenientemente informados do que no campo de batalla acontecera. Non lles podía quedar atrás, xaora, eses grandes tanques que todo arrasaban, por onde pasaban, a paso lento botando lume por aquel cano asasino. Isto medraba e medraba cando chegaba aos ouvidos dos nenos. Aí comezaban coas súas fazañas e coa súa rica imaxinación. Dependendo dos lugares, facían competicións e apostas, con estes trebellos, dende aquel que camiñaba máis rápido ou que gabeaba polos lugares máis apicados, ata aqueloutro que lograba chegar máis lonxe. A lea estaba armada.

Este aparello popularizouse por toda Europa e mesmo América, sobre todo despois da 2ª Grande Guerra. Recibiu nomes diversos e a maneira de construílo tamén podía variar en función do material que houbese a man, iso si, o que sempre se mantiña era o carrete de fío. En Euzkadi chamábase tratorra. Nas Illas Baleares, tanc; en Italia denominábase tanque  ou carro armato; tank ou tracteur, en Francia. En Portugal é coñecido por tanque, carro de assalto e carrinho de sabao.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: Un carrete de fío de madeira, un arame de 8 cm de longo e 2´5 mm de espesor e outro de 2 cm, un arame de 7 cm e 1 mm de espesor; un anaco de vela, unha goma elástica das caixas dos zapatos, un fío de 20 cm e unha navalla.

TEMPO:45 minutos.

ESTACIÓN:Inverno ou outra calquera.

tanque-carrete-de-fio tanque-Paso-1 tanque-Paso-2 tanque-Paso-3 tanque-Paso-4 tanque-Paso-5tanque-Paso-6tanque-Tanque

Collemos un carrete de fío, dos máis grandes que atopemos, senón dos outros, e imos facéndolle, coa navalla, uns dentes duns 4 mm de fondura, ao redor das dúas rodiñas, para que agarre mellor e poida agatuñar por calquera sitio. Agora, collemos a candea e cortámoslle un anaco de 1´5 cm de ancho. Deseguido, quitámoslle a torcida do medio tirando por ela e alongámoslle un pouquiño ese burato, coa finalidade de que entre ben a goma. Aproveitamos para facerlle unha pequena fenda lateral, para que encaixe ben o arame, cando montemos o enredo. Tamén podemos aproveitar este intre, xa que temos a navalla na man, para lle facermos outro rebaixe semellante na roda contraria á que vaia colocada a candea. Construímos agora unha agulla, dobrando o arame de 7 cm por un extremo. Quédanos así un ollo amplo para metermos logo o fío. Finalmente, anoamos as dúas puntas do fío de 20 cm e xa estamos preparados para a montaxe do artefacto. Daquela, primeiro collemos a goma facendo un oito e xuntamos os dous extremos, para que nos quede unha gomiña máis pequena que tense máis ao engancharmos. A esta goma atravesámoslle o arame de 8 cm por un extremo e, polo outro, pasámoslle o fío dobrado, xa enganchado na agulla. Enfiamos o anaco de vela e ímola correndo ata encaixala perfectamente no arame, xa previamente metido atravesado na goma. Xa temos así ben suxeitado o arame, a candea e a goma. Tensamos e introducimos a punta do arame agulla polo burato do carrete, pero meténdoo polo lado da roda que non ten rebaixe, e tiramos ata que saia polo lado oposto. Ao saír a goma por ese burato do rebaixe, aproveitamos e metémoslle encaixado o arame de 2 cm. Soltamos a agulla e o fío e xa queda montado o trebello. Para accionalo e que ande con xeito e como é debido, temos que suxeitar o carrete cunha man e coa outra xiramos o arame de 8 cm, no sentido contrario ao das agullas do reloxo, ata que creamos  que xa ten abonda corda para camiñar. Debemos probar varias veces para conseguirmos o obxectivo final, que é que camiñe devagar e por calquera superficie, independentemente da súa rugosidade ou inclinación.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Setembro do 2013 | 12:21 p.m.

Outros temas de Picaraxadas