publicidade hoxe

Moneco de castaña

OLYMPUS DIGITAL CAMERAA realización de representacións de todo tipo de personaxes para enredar é moi común na tradición lúdica. A castaña, especialmente, era moi socorrida para este mester, tanto pola súa textura lisa, pola forma que se adaptaba moi ben a todo tipo de creacións, xa fosen humanas ou animais, e pola súa brandura, que facía moi doado o traballo de elaboración.

Mais, ao mesmo tempo, ao secar, consérvase durante moito tempo, o que prolongaba o goce e desfrute desta simple argallada. Con este produto do castiñeiro, non só se facían monecos e monecas, senón tamén máscaras e carautas a xeito de colgantes, para pór no pescozo coma un adorno. Así, por exemplo, en Francia facían con este mesmo material as denominadas les têtes de marrons, é dicir, cabezas de homes ou mulleres de castaña, podían ser soldados ou personaxes coñecidas e que lles causaban graza aos seus construtores.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAParece ser que esta tradición de tallar cabezas en miniatura tivo moita vixencia en toda Europa, ademais, en Francia chamábaselle “cabeza de castaña tallada” (tête de marronsculpté) a unha persoa un pouco estraña, segundo ChristineArmengaud. Na Bretaña francesa, se cadra porque se semella moito á nosa Galicia e abundan tamén os castiñeiros, construían monecos con castañas e púñanlles extremidades con pauciños de mistos, les allumettes.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Unha media ducia de castañas, unhas máis grandes e outras máis pequenas, en función das partes do corpo que queiramos representar; uns tres pauciños de madeira dura duns 5 ou 6 cm de longo, un arame afiado ou un tarabelo e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN: A mediados do outono ou comezos do inverno.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Procuramos as castañas, collendo aquelas que se axusten ao tamaño que lle queiramos dar ao moneco. Podemos mesmo quedarnos con algunha daquelas que serven de protectora á castaña central do ourizo, para logo colocala como unha posible boina.

Comezamos por facer un buratiño, co arame afiado ou co tarabelo, a dúas castañas de igual tamaño, na súa parte central plana e máis escura. Afiamos polos dous extremos un pauciño, observando que sexa máis curo ca o longo da castaña. Espetamos cada punta en cadansúa castaña pola parte plana do extremo máis ancho. Quedaría así formado o peito e o abdome da nosa figura.

Vemos que as puntas da castaña están, daquela, orientadas cara a fóra. Feito isto, a unha das devanditas castañas, furámola transversalmente á altura do medio e cravámoslle un pauciño atravesado, que lle sobre polos lados o suficiente coma para semellar os brazos. Deseguido, furamos outra castaña polo extremo bicudo e, despois de espetarlle un pauciño afiado, unímola ao bico da castaña que ten os brazos. Xa teriamos, deste xeito, montada a cabeza e o corpo. Só nos faltarían as extremidades inferiores.

Entón, collemos outras dúas castañas e facémoslles cadanseu burato no centro curvo delas. Cravamos dous paus afiados nelas, a modo de pernas. Xa só nos queda facer dous buratiños equidistantes un cm, aproximadamente, na parte baixa da castaña abdominal e espetarlle ambas pernas. Temos que mirar que nos fiquen á mesma altura e o suficientemente planas para que non nos coxee e caia ao chan.

Finalmente, se así o desexamos, podemos poñerlle a boina con aquela castaña fraquiña que tiñamos gardada para este mester. Aínda cabería a posibilidade de facerlle uns ollos, boca ou nariz, coa punta da navalla ou co arame.Para xogarmos con el, temos que poñer en marcha a imaxinación. Podemos facer varios, coma se dunha familia se tratase.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 1 de Decembro do 2016 | 10:55 a.m.

Outros temas de Picaraxadas