Trapecista
Ás veces, nas festas patronais ou moi de vez en cando aparecían polas vilas unha especie de titiriteiros e facían algún equilibrio agarrando dúas cordas a unha barra de ferro e, ao final do exercicio, pegaban un chouto e caían de pé. Pois, como é sabido, os nenos fixábanse en todo e, nisto máis, tentaron facer algo semellante, pero con menos risco, o que eles tamén denominaban equilibristas ou “saltinbanquis”. De todos os xeitos, monecos articulados xa existiron, feitos en barro, na época da Grecia Antiga ou en Roma.
Este tipo de monecos móbiles aparecen reflectidos por toda a xeografía, aínda que poden variar a forma da súa feitura. Así, por exemplo, nas Illes Balears, dentro do que denominan homes mòbils, aparece o gimnasta, que é igualiño có noso. En Euzkadi denomínano akrobata e podía ser feito con arame en vez de madeira. En Francia, dependendo da zona, chámano dun xeito ou doutro e. mesmo. Pode variar ata o material. Así, na Bretaña é le pantin, construído do anacos de póla de castiñeiro, salgueiro e sabugueiro, unidas por cordeis e accionados por outros cordeis coma se fose un rirán ou unha zoadeira de botón, tensando e destensando. Porén, no Sur, pola Occitania, teñen unha argallada semellante, pero con dous personaxes, les deux équilibristes, pois no extremo superior enganchan dúas taboíñas de madeira e nelas, uns monecos de cana con gorro de cunca de landra.
ASÍ SE FAI
Comezamos a nosa elaboración por sacar das táboas da caixa de madeira, cinco pezas rectangulares duns 7 cm de longo por 3 de ancho. Debuxamos, en cada unha delas, as diferentes partes do futuro trapecista: as pernas, os brazos e o corpo. Non cómpre a perfección, evidentemente, senón que estas pezas nos lembren a silueta do moneco equilibrista. Seguimos na nosa construción, coa realización de dous buratiños de 1 mm de ancho, co tarabelo, e a 1 cm dun dos extremos, pola parte máis ancha, e a outro de separación entre eles. Pasamos agora a facer isto mesmo nas extremidades e corpo do moneco: dous buratiños separados tamén 1 cm, en cada unha das mans e outro nos ombreiros; outro buratiño en cada xeonllo e, finalmente, outros dous no corpo do moneco, un á altura dos ombros e outro no van. Collemos agora o pau redondo e facemos catro rodiñas de medio cm de ancho e furámolas polo medio.
Estamos no punto para montar a estrutura do trapecio. Comezamos por marcar a metade dos listóns de madeira e unímolos con catro puntas ao anaco de 5 cm. Debemos unir as pezas do moneco. Na cabeza do arame de 8 cm de longo, facémoslle unha dobrez redondeada. Introducimos un brazo e achegámolo á devandita dobrez, metemos unha rodiña, introducimos o corpo polo ombreiro, poñemos outra rodiña, colocamos o outro brazo e facemos outra dobrez no arame. Finalmente, cortamos o sobrante. Este conxunto debe ir un pouco folgado para que se movan as extremidades. Montamos do mesmo xeito as pernas. Agora quédanos por subir o atrevido moneco ao trapecio. Colocamos o moneco cos brazos estirados cara á estrutura e introducimos o fío polo burato máis próximo ao traveseiro, logo pasámolo polos buratos exteriores dos brazos, a seguir polo do listón; dámoslle a volta e volvemos introducilo polo burato restante do listón, volvémolo pasar polos buratos das mans e, ao final, polo do listón e anoamos. Para facerlle que comece a actuación este intrépido trapecista, só temos que agarrar ambos listóns polo extremo oposto ao moneco e apertar e soltar.