publicidade hoxe

Boneca de papoula

papoulas

A boneca é moi fermosa,
máis fermosa non a hai!
A boneca fai de filla
e a neniña fai de nai…!

Os soños na gaiola. Manuel María

As bonecas feitas con múltiples materiais son un xoguete moi socorrido sobre todo polas nenas. Cando xogaban ás familias ou ás casiñas sempre xurdían as bonequiñas. Como indicaba o poeta da Terra Cha, a boneca facía de filla e a nena de súa nai, por imitación da familia que a agasallaba con todo tipo de coidados e agarimos. Esta boneca é moi coñecida por toda Europa, aínda que se pode construír de diferentes maneiras, con máis ou menos adornos, con ou sen cabelo e con variada delicadeza. No veciño Portugal denominábana boneca de papoila; en Francia era coñecida como la poupée en coquelicote en Italia recibía o nome de bambola di papavero. Non obstante, tamén existiu na tradición das Illas Británicas.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: varias papoulas co seu talo, por mor de que son febles e rompen con gran facilidade, e unhas herbas serreñas ou ferreñas, que son duras para atar. Non cómpre ningunha ferramenta, pero si podemos empregar unha navalla.

TEMPO: Quince ou vinte minutos.

ESTACIÓN: Verán.

boneca-de-papoula-paso-1
boneca-de-papoula-paso-2 

Collemos unha papoula co seu talo e cortámolo a unha distancia da flor que sexa dúas veces a altura dos seus pétalos. Co resto sobrante do talo, cortamos outro anaco igual ao que está unido á flor, xa teriamos as dúas pernas. De seguirmos tendo aínda talo, cortamos outro anaco que teña a anchura dos pétalos. Este serviría para facer os brazos. De non o termos, temos que botar man do talo doutra papoula. Cunha das herbas serreñas dámoslle unhas voltas ao anaco de talo igual ao que ten a papoula e logo atravesamos os brazos e dámoslle outras voltas coa herba e anoamos definitivamente. Agora, con moito coidadiño, trataremos de dobrar cara abaixo os pétalos, que nos servirán de faldras ou saias da boneca. Con outra herba, atamos os pétalos, por debaixo dos brazos, dándolle un par de voltas e anoando. Agora é xusto o momento en que temos que arrincar uns estames, pola parte contraria á que anoamos, para que se vexan os pistilos, que farán de cara da boneca.boneca-de-papoula

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 3 de Xuño do 2014 | 1:33 p.m.

Outros temas de Picaraxadas