publicidade hoxe

Cadeira de fiúncho

OLYMPUS DIGITAL CAMERABen doado é botar unha ollada cara atrás no tempo e ver con grande clareza as nosas avoas, nais ou muller da casa, sentadas nunha cadeiriña pequena, que non chegaba á mesa para comer. Alí, nela, realizaban outros labores cotiáns. Deste xeito, a miúdo viámolas sentadas, cun cestiño de vimbios ou de costelas de castiñeiro diante dos pés, ao que ían caendo, paseniñamente, as pelas dunha pataca buligueira que non paraba de mexerse entre as súas mans, ata ficaren sen o abrigo que as acubillaba, para converterse en compango dun caldo, unha tortilla ou, no mellor dos casos, acompañante dun cocido pola época da mata do porco nun inverno frío e chuvioso. Noutrora, ollabamos a nosa nai dándolle de mamar a un neno ou nena, pousado no seu colo e zugando ese leite quentiño que lle xurdía da súa teta morna e mol. Se por casualidade, non era ocupada por ninguén, esa cadeira de madeira e asento de esparto, vénsenos ao maxín a figura do gato engurruñado e co rabo por riba da cabeza, botando unha cabezada a carón da cociña de ferro ou “económica”, cando non era a lareira. Se esta cadeira se ía desgastando co seu uso, sempre se adoitaba poñerlle uns trapos no burato do asento, coa finalidade de seguir utilizándoa ata que dixese que xa non resistía con máis. Aínda así, tamén se teñen reutilizado para sentar á hora de muxir as vacas, naquelas cortes de estrume para facer esterco. De aí, xa coas patas cheas de bosta, acababan por meterse no lume e faceren o seu derradeiro servizo á familia, axudando a quentala.

Como ía pasar desapercibida esta cadeira aos ollos de calquera miúdo, despois de, se cadra, partillaren a súa infancia completa ou algo máis. Non é de estrañar, xa que logo, que lle renderan merecida homenaxe nas súas horas de brincar, realizando pequenas imitacións e empregando este fiúncho,funcho, fiollo, fruncho, fonollo, fionllo, … como se coñece en Galicia a nivel popular, para facela.

Este mesmo material se empregaba noutras zonas da Península e de Europa para a realización deste mesmo enredo. Así en Portugal coñecidas son as cadeiras de fiolho ou funcho, ás que lles facían o asento de fíos de la, algodón ou gramíneas delgadas. En Cataluña, facían as cadiretas de fonoll e o asento con fíos ou xunco. Nas Illas Baleares tamén era coñecida a cadira de fonoll, pero ademais podían completar o moble con xunco e os canos das plumas das ocas, galiñas ou galos, unidas con espiñas de cactos. En Francia denominábana Chaise en tiges de fenouil, pero tamén lle podían pór o asento de xunco. E en Bélxica chamábanlle a cadeira do gato, pois coma en Galicia, era común ver o gato deitado durmindo á beira da cociña de ferro, nunha cadeira daquelas de esparto, a verdadeira inspiración para faceren estas os nenos e as nenas. Por exemplo, nas Illas Canarias empregaban para a realización desta moblaxe, unha planta denominada gamón ou gamona e mesmo a penca.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Unhas varas de fiúncho, espiñas de pereira brava, escambroeiro ou escambrón e unha navalla.

TEMPO: Unha hora.

ESTACIÓN: Outono ou inverno.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Comezamos por realizar as pezas correspondentes para facer a estrutura da cadeira. Daquela cortamos primeiro as dúas pezas que formarán o respaldo, que serían duns 12 cm de longo. A seguir, cortamos as dúas patas dianteiras, duns 6 cm de longo, é dicir, xusto da metade de largura das dúas anteriores. Finalmente, seccionamos dez pezas de 4 cm de longo, para acabar de confeccionar a devandita estrutura.

Xunto o material, podemos proseguir coa súa montaxe. Comezariamos por unir as dúas patas dianteiras con dous destes traveseiros, unidos cada un deles ás patas por cadansúas espiñas de escambrón. Ficaría así feita a primeiras das armazóns para construír a cadeira.

A continuación, realizamos este mesmo proceso coas patas traseiras, colocando á mesma altura ca as anteriores os dous traveseiros e a outra, na parte máis alta do respaldo. Agora collemos a primeira das estruturas e cravamos perpendicularmente un destes toros, á mesma altura có traveseiro superior e, logo, as dúas restantes cravámolas unha miguiña máis arriba có outro traveseiro, para que non coincidan as dúas furas e se faga máis feble, co risco de rotura.

Realizada esta tarefa, unimos esta última estrutura coa feita para respaldo, sempre empregando a mesma técnica do cravado coas espiñas de escambrón, e colocamos o traveseiro restante entre as patas traseiras, para que sexa máis resistente. Despois disto, comezamos a colocación doutros traveseiros para facer o asento.

Finalmente, só resta colocar catro traveseiros no respaldo entre o tronco de arriba e o de abaixo, procurando que estean separados á mesma distancia, máis que nada, por unha cuestión estética.

Debemos procurar que os traveseiros da estrutura sexan de máis grosor cós do asento e o respaldo. Tamén se pode realizar esta mesma cadeira con fiúncho seco, sobre todo se quixermos que sexa máis duradeira, malia non ser, se cadra, tan rechamante.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 12 de Xullo do 2017 | 9:44 a.m.

Outros temas de Picaraxadas