Colar de cocas
Dende os comezos da vida dos humanos, estes tentaron sempre de chamar a atención dos seus iguais colgándose todo tipo de adornos ou aderezos, ben sexa en forma de coroas, pulseiras, brincos, lentes, chapeus… ou colares. Con eles sentíanse diferentes e fermosos e campaban ata máis non poder. Todo isto derivou en que, aquela parte da sociedade que ten poder económico, cada vez máis gaste unha morea de diñeiro e adobiarse con todo tipo de alfaias e vestimentas, canto máis caras, mellor. Os miúdos non taparon os ollos para imitar aos seus maiores nos seus devezos de aparentaren esa ansiada maioría de idade e, xaora, conseguírono á súa maneira. Así resultaron toda unha enorme tipoloxía de colares, uns máis rechamantes ca outros e outros máis doados de facer ca aqueloutros. O caso é brincar e enredar nos tempos de lecer.
Ao longo da xeografía galega, este colar pode recibir outros nomes, dependendo da área dialectal á que pertenza. Así temos colar de bullacas, carrabouchos, carrabouxos, bugallois, carragouchos, cócaras, cóucaras, bogallas, bogallos, carrabocas, carrabocos…. En Portugal é coñecida por colar de bugalhos, aínda que tamén os facía de maçacuca ou maçã dos cucos, que son eses froitos que xorden na primavera nos carballos e que semellan unha mazás deformes con cores verdes e rosados.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unhas 30 ou 40 cocas, dependendo do tamaño que se queira facer o colar; fío de cánabo, un pauciño duns 3 cm, un tarabelo ou arame con ou sen mango, unha agulla grosa ou de albardeiro ou zapateiro. De non ter ningunha destas, pódese empregar un arame fino e unha navalla TEMPO: Media hora, máis ou menos. ESTACIÓN: Inverno ou, de ter gardadas cocas, calquera outra. |
Despois da procura das cocas que fagan falla, quitámoslles coa navalla todos aqueles picos ou protuberancias que nos poidan molestar á hora de poñer o colgarexo no pescozo. Realizada esta tarefa inicial, imos facéndolles un furadiño a cada unha co tarabelo, aproveitando xa o realizado polo bichiño. Despois podemos ordenalos por tamaños, de non seren todas iguais, para así elixir o proceso de montaxe que máis nos guste. Colocamos a agulla no fío e atamos no final o pauciño de 3 cm, para que non saian as devanditas cocas. Comezamos a enfialas de unha en unha introducindo a agulla en cada unha delas ata que vexamos que é suficiente o número para rodearnos o pescozo. Ao rematar, cortamos polo enganche da agulla e polo pauciño e anoamos as puntas.
De non conseguirmos cocas abondas, podemos realizar outro colar semellante con bugallos, aínda que ao seren de menor tamaño, cumpriríannos unha miguiña máis, pero tamén o colar fica máis rechamante.