Colar de millo
En moitos lugares da nosa xeografía galega, esfollaban o millo de todo e levábano despois ao hórreo, cabozo, canastro, cabaceira, cabiseira, calustra, piorno, celeiro ou canizo, que así se denomina ao lugar onde se gardaba o millo para o seu secado, dependendo da zona que sexa. Este proceso de transporte realizábase en cestos de vincallo ou vimbio e cestas de costelas de castiñeiro, unha vez que estaban todos cheos de espigas, que foran botadas polos nenos e nenas da casa, tamén nos seus devezos de atoparen o rei ou a raíña da esfollada. Os maiores, para engaiolalos e entretelos, tiraban na pilla aquela espiga de cor avermellada escura, coma se tal cousa fose, para que cando a atopase algún dos nenos, dixese aquilo de “reinei”, “teño o rei”, aquela espiga que destacaba sobre todas as outras amareliñas. Non obstante, noutros lugares nos que non tiñan hórreo, normalmente, en vez de esfollar o millo totalmente, só lles tiraban para atrás o follato para logo ir enrestrándoo como se fai coas cebolas ou os allos. Logo penduraban estas restras en cabanas ou galpóns, para que lles dese o vento e que as fose secando paseniñamente. Á parte de faceren esta función, tamén cumprían como adorno e estimulaban a fachenda do dono cara aos demais veciños, indicándolles que este ano non ía haber fame, pois fariña para papas e pan de millo, existiría. Esta tentación pendurada provocaba que os nenos picasen nos grans para faceren os colares ou mesmo para xogaren ás tres en raia, ás sortes ou gardalos no peto para xogar, nas noites de inverno, á lotería e cubriren os números nos cartóns. Moitas veces os pais ou avós acababan por poñer espantallos na beira do millo colgado nas pancas, pensando que eran os paxaros os que viñan furtarlles a colleita. Outro momento apropiado para escapar cos grans para faceren os colares era cando se poñían a refegar ou debullar no millo, batendo na mazaroca dende a punta ata atrás cun carozo, previo paso para levalo ao muíño e traer a fariña ou relón para a casa. O caso era xogar e pasalo ben.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Unha mazaroca de millo, un fío de cánabo, un pauciño e un punzón. TEMPO:45 minutos. ESTACIÓN:Outono e inverno. |
Despois de coller unha boa mazaroca de millo, mellor do país porque é o do noso de toda a vida e é máis redondiño, lembrándonos así as doas dun auténtico colar tradicional, temos que refegala ou debullala, para quitarlle os grans. Deseguido, unha vez seleccionados aqueles grans que nos parezan máis axeitados, ben pola súa forma ou polo seu tamaño, temos que ir furando a cantidade de grans que nos cumpran para facermos un colar do tamaño que nos apeteza. Para facerlles o buratiño, collemos o punzón e pousamos o gran nunha superficie firme e plana, e espetámosllo pola súa parte máis branca, é dicir, por aquela que estaba espetada no carozo.
De non o facermos así, corremos o risco de que nos rompa. Enfiamos o fío na agulla por unha punta e na outra atámoslle o pauciño, un botón ou algo así, para que ao enfiar os grans non nos volvan a caer no chan. Seguimos metendo grans ata que nos pareza ou ata que vexamos que nos entra folgado pola cabeza. Rematado este proceso, quitamos a agulla, o pau e anoamos fortemente. Xa podemos campar por aí adiante co noso adorno, pendurado do pescozo.