Chifre ou asubío de sabugueiro
![]() |
Non canta na Cha ninguén,por eso meu carro canta,canta o seu eixo tan benque a señardade me espanta.Non hai canto tan fermoso,fino coma un asubío,anque é, ás vegadas, saudosofaise no ar rechouchío. |
Así comezaba ese poema O carro, de Manuel María, que logo musicou Fuxan os ventos. Falaba do ben que asubiaba o seu eixo. O asubío, ese son agudo producido polo sopro do vento ao pasar por unha cavidade estreita, foi quen de impresionar aos nenos dende ben pequenos. Tentaron imitar este son de todas as maneiras posibles, unha delas, ben estendida, era a de realizar estes chifres ou asubíos coa súa navalla, que andaba con eles no peto a onde quixera que fosen.
Este tipo de chifre ou asubío coñecíase tamén en moitos outros lugares, aínda que podía estar construído doutro xeito e coa casca doutra árbore. No veciño Occidente de Asturias coñécese co nome de xipro ou chifro. En Portugal chámanlle subiote ou assobio. En Euzkadi recibía varios nomes tamén, segundo os lugares: silbo, pito ou txistu. En Francia podía chamarse sifflet en branche de sureu ou sublet na Bretaña. En moitos lugares, ao tempo que se quitaba a carapela da árbore, para que saíse enteira, botábase unha cantiga recitada.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Un pau de sabugueiro duns 12 cm de longo entre nós e 1 cm de grosor e unha navalla e un arame con mango ou algo semellante. TEMPO: Media hora ESTACIÓN: Primavera |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Collemos o anaco de sabugueiro e procedemos a quitarlle os dous nós, facendo uns cortes ben perpendiculares. A continuación realizamos o baleirado do tubo, ata sacarlle todo o miolo interior. Para conseguir isto, co arame puxamos forte no centro ata que vexamos que vai saíndo un pequeno chouriciño branco. Gardámolo para empregar ao final. Deseguido, apañamos a navalla e quitámoslle a casca a uns 4 cm dunha das cabezas, procurando non danar a madeira. Coa mesma navalla, debemos agora facer a palleta do chifre. Daquela, a 1 cm da punta, da parte pelada, facemos un corte inclinado duns 3 mm de profundidade e, sen quitar a navalla, xirámola un pouco para que refenda ben o pau uns 2 cm de longo. Recollemos agora aquel miolo inicial e colocámosllo, a xeito de tapón, na parte da palleta, sen chegar a ela. Devagariño, imos rebaixando a palleta e, paulatinamente, probamos a ver se funciona. De non ser así, ímola levantando un pouquirrichiño coa punta da navalla e volvemos probar. Podemos rebaixar un pouco máis e volvemos intentar soprar ata que funcione.