publicidade hoxe

Arco e frechas de abeleira

abeleira-1 abeleira-2

MATERIAL: Un pau de abeleira de 60 cm por 1 cm de diámetro, unhas variñas de abeleira de medio cm de grosor e 40 cm de longo, cordón forte duns 70 cm e unha navalla.

TEMPO: unha media hora, pouco máis ou menos.

ESTACIÓN: verán ou outono.

Robin Hood e os indios contra os vaqueiros do Oeste ou a Cabalería do exército dos Estados Unidos inspiraron máis dun arco e frechas dos xogos dos nosos nenos nas tardes dos domingos de verán. Despois do xantar, co sol caendo derriba deles, saían a toda mecha para o medio dalgún monte, carballeira ou fraga para comezaren a preparar a estratexia de ataque duns contra outros. A verdade é que algunha vez ten caído algunha frecha despistada moi cerca dos ollos, pero iso non conseguía apagar as ganas da xogareta ata case chegada a noite, xa cando algún berro paterno reclamaba a súa presenza nas súas moradas de orixe. Chegado este momento, quedaban emprazados para unha próxima batalla noutra tarde de domingo calquera.

Pódese dicir que é un xoguete universal e moi coñecido en case todo o mundo. Así, por exemplo, en Francia este arc et flèche podía ser de freixo ou de baleas de paraugas; en Cataluña chámaselle l´arc i fletxa, o mesmo que nas Illas Baleares, onde se facía de oliveira. No País Vasco denominábano como arkua e geziak e, ademais de abeleira , empregaban vimbio, freixo e plataneiro de sombra. En Portugal coñécese como arco e flecha e no Norte de Italia como canin ou arco e facíase habitualmente de abeleira.

ASÍ SE FAI
arco-e-frechas-abeleira-paso-1
arco-e-frechas-abeleira-paso-2
arco-e-frechas-abeleira-paso-3
arco-e-frechas-abeleira-paso-4

Ao pau máis longo facémoslle un rebaixe inclinado en cada un dos extremos, para suxeitar o cordón, a un cm da punta. Collemos o cordón e facémoslle dous nós nos extremos. Estes poden ser fixos. Para conseguilos realizar, facemos un nó a 3 cm do final do cordón. De seguido realizamos unha lazada que queda fixa a ese nó. Para que fique máis seguro, facemos outro nó coa punta do lazo e o cordón, coma o dos zapatos. Este lazo debe ter unha circunferencia superior á do pau. A continuación facemos esta mesma operación coa outra punta do cordón. Cortamos as puntas sobrantes das lazadas e procedemos á colocación de ambos lazos nos extremos. Para realizar esta operación, primeiro metemos unha lazada nun dos encaixes do pau. Dobramos a vara ata que nos chegue ao cordón, apoiando nun sitio firme, e metemos a outra lazada na punta que nos queda. Así xa temos o arco.

Para facer as frechas, collemos cada un dos pauciños, que deben ser o máis rectos posible, e cortámolos transversalmente. No extremo máis groso facémoslle un encaixe en forma de V, para suxeitar o cordón, no momento do lanzamento. De querermos facilitar o lanzamento, realizarémoslle lateralmente dous rebaixes nese extremo, coa finalidade de agarrar mellor cos dedos. Tamén podemos afiar un pouco a punta. Para lanzar, collemos o pau do arco coa man pechada, pola metade. Colocamos a fenda da frecha no cordón, agarrando co polgar e o índice neses rebaixes e apoiámola encima do dedo índice da outra man. Tiramos cara atrás da man e soltando, sae a frecha disparada.

Este arco non é perigoso se non é forte de máis. Podíanse facer con outro material, de non ter abeleira á man, como salgueiro, vimbio, uz ou baleas de paraugas. Aínda que estes dous últimos non son aconsellables, por seren moito máis fortes e, polo tanto, máis perigosos.

arco-e-frechas-abeleira

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 24 de Setembro do 2014 | 11:12 a.m.

Outros temas de Picaraxadas