publicidade hoxe

Barco de zoca

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

“Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela”.

Estas eran as palabras que saían dos beizos e gorxas, xa quentes polo alcol, de dous mariñeiros galegos ala´”nunha rúa dun porto lonxano do Norte”, que dixera Castelao, no seu libro de Cousas. Dous homes, un falando inglés e outro, francés, pero que ao estaren bébedos, saíulles o acento patrio, aquel que mamaran de pequenos e ao que lle foron fieis toda a vida, agás nestas circunstancias da emigración polo mundo adiante.

De Galicia teñen saído polo mar adiante, cun futuro incerto, camadas e camadas de homes e mulleres, camiño da emigración na procura do sustento diario que non podían alcanzar na súa propia Terra. Veleiros, transatlánticos, barcos de mercadorías, pesqueiros de baixura e altura, foron os medios para abandonaren os seus lugares de orixe, unhas veces para volveren, mais outras para non regresaren xamais.

Como non ía xurdir esta imaxe nas mentes dos máis miúdos, se convivían acotío con ela. Non é de estrañar, xa que logo, que no acervo lúdico destes nenos e nenas xurdisen as lanchas, barcos e barquiñas, construídos das formas mas variadas e empregando materiais diferentes, segundo o que había á man. Esta mesma tradición está presente en todo o mundo, variando, iso si, os materiais e formas de os construíren.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Unha zoca, tres listóns de madeira duns 40 cm de longo  cada un deles; un metro de cordón delgado, medio metro cadrado de tea rústica; unhas alcaiatas; unha navalla, un tarabelo pequeno e outro que fure 1 cm e, de querermos facer unhas velas xeitosas, tamén necesitaremos unha agulla e fío.

TEMPO: Unhas dúas horas, para facelo ben.

ESTACIÓN: Calquera época do ano.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Comezamos por arranxar un pau de 40 cm de longo para facer o pau mastro, tratando de que fique ben redondiño, cuns 8 mm de diámetro na punta e 1,5 cm na base. Collemos os outros dous paus e cortámolos a unha medida duns 25 cm e ímolos moldeando de forma cónica, ata que teñan, nun extremo 1 cm e no outro, 0, 5 cm.

As medidas son meramente orientadoras e, de non sermos capaces de amañar os paus como se dixo, sempre nos queda a posibilidade de empregarmos uns paus, secos e ben dereitiños, de abeleira, castiñeiro ou árbore similar e dármoslles a medida correspondente. A seguir, facémoslle un burato de 1 cm á zoca, á altura da empeña do pé. A continuación, chantamos o pau no antedito burato, que nos serviría de pau mastro. De non nos entrar ben, ímolo rebaixando ata que fique ben dereito e seguro.

Seguidamente, colocamos a alcaiata no mastro, a uns 3 cm de altura e que mire cara á popa da zoca. Debaixo da alcaiata, a  1,5 cm dela, facemos un furado de 0,5 cm de diámetro. A un dos dous paus de 25 cm facémoslle un rebaixe a uns 6 cm de longo, tratando de puílo o mellor posible, ata que entre ben axustado polo oco do mastro. Este sería o puxame do foque. A seguir, ao outro pau, poñémoslle unha alcaiata medio aberta no extremo máis groso. Daquela, xa podemos enganchala á outra e pechámola de novo. Teriamos feito a botavara. Volvemos ao mastro para facerlle un burato de 0,5 cm de grosor, cunha inclinación de 45º dirección popa a proa. Agora, co pau sobrante de 15 cm, cortamos un de 10 cm, rebaixámolo unha miguiña, ata que o poidamos introducir axustado no burato inclinado do mastro.

Chegou o momento de colocar cadansúa alcaiata na proa e na popa da zoca, para engancharmos despois o velame. Pasamos agora a recortar unha tea en forma triangular para facer a vela foque e, en cada vértice, atámoslle o seu correspondente cabo. Unha vez amarrados, teriamos feitos os denominados estais. Faltaríanos por colocar o último estai que vai dende o vértice do puxame á proa da zoca. Despois disto, facemos outra vela trapezoidal que vai suxeita polos seus catro vértices ao mastro, á verga e á botavara.

Finalmente, quédanos por colocar o cabo que vai atado na botavara e na popa da zoca. Xa podemos comezar anosa singradura polos océanos dun lavadoiro, dun rego ou dun estanque.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 8 de Marzo do 2018 | 9:25 a.m.

Outros temas de Picaraxadas