Rinrán de noz
No outono acontecía a miúdo que se levantabas a vista cara ao ceo, cando estabas coidando no gando, en prados ou montes non moi afastados das nogueiras, podías observar o voo entretido dalgún corvo ou pega cargado cun obxecto no bico. Se lles berrabas fortemente ou lles arrebolabas un croio, co apuro que pasaban, abrían o bico e soltaban o prezado premio que transportaban, diante dos nosos fociños. Acudiamos decontado ao lugar da aterraxe forzosa e observabamos sorprendidos que se trataba dunha noz. Isto era indicativo de que chegara a sazón de apañar as noces ou de, cando menos, poñer uns espantallos nas nogueiras, de non querermos ficar sen colleita. Agora comprendiamos o porqué da aparición dalgunha noz nos prados sen haber nogueiras ao redor e mesmo dalgunha destas árbores, aínda pequerrechas, cando iamos gadañar na herba.
Ten diferentes nomes por toda a xeografía galega, dende rulín (Xove, Viveiro…), ruxerruxe (A Pontenova), quebranoces (Ferrol). Brunzidor de nous e tiña a peculiaridade de que a noz de arriba estaba en posición vertical, igual ca en Cataluña, onde lle chamaban refilando ou en Sicilia, lu firrianciònciulu. En Portugal é coñecido como gira-noz, moinho de noz, arraioco ou rela.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Dúas noces, o máis bonitas, grandes e iguais posible. As noces de California non son boas, porque fenden moi fácil, de aí que sexan mellores as do país; un pau dunha estela de madeira duns 8 cm, que non teña corazón, porque rompe con grande facilidade. É aconsellable o pau de salgueiro, sanguiño ou abeleira porque son doados de traballar coa navalla; un pau pequeniño duns 2 cm; un cordel duns 60 cm, fino e resistente, é ideal o de coser as redes; unha navalla. TEMPO: 60 minutos. ESTACIÓN: Outono-inverno. |
Temos que conseguir un pau redondo duns 6 ou 8 mm de grosor. A partir dunha esteliña ou acha de 3 cm de grosor, fendémola en dous anacos e sacamos catro posibles pauciños. Só temos que redondealos coa navalla, o mellor que poidamos, e xa temos feito o eixe do rinrán. Podemos aproveitar este momento tamén para moldear o pauciño pequeño de 2 cm e facémoslle un rebaixe no centro e anoámoslle o fío, ben apertado.
Collemos unha das noces e na parte central da barriga facémoslle un burato tradeando coa punta da navalla ata que lle entre o pau moi axustado. Introducímoslle o pau no centro, de xeito que quede ben equilibrado o conxunto. Collemos a outra noz e facémoslle un burato en cada parte da barriga, sempre moi ben centrados, e que entre o pau ben folgado para que xire libremente. Logo, facémoslle un buratiño centrado e xusto por riba do reborde da barriga.
Baleiramos a noz cun arame, introducíndollo polo burato e escaravellando ata que non lle quede nada de carne dentro. Feito isto, na noz dos tres buratos e, para simplificar o proceso de montaxe, metemos a parte do fío polo burato pequeño e sacámolo polo grande, situado na mesma metade (o de arriba). Botamos man agora da noz empatada co eixe e a unha distancia do grosor da metade da outra noz, facémoslle ao eixe un rebaixe ao redor. Atamos a outra punta do fío, de xeito moi forte para que non se desate ao tirar por el.
Para facer o nó, collemos o devandito fío por riba do rebaixe, dámoslle unha volta por baixo e a seguir facemos unha revolta e tensamos, quedando un fío para un lado e outra punta para o outro. Anoamos fortemente, cortamos, e xa queda seguro. Só nos queda montar o conxunto. Para iso tiramos polo fío que ten o pauciño atado e metemos o eixe polos dous buratos da noz, tiramos polo fío e xa está montado.
Collemos a noz dos tres buratos e dámoslle voltas á noz fixada no eixe, ata que chegue o pauciño ao burato pequeno. Segundo o temos así agarrado por esa noz, tiramos polo agarradoiro e deixámolo envolver acompañándoo co movemento da man. Pola lei da forza centrífuga, podemos volver a tirar e enrolarase de novo, rozando contra a outra noz do eixe, producindo un son característico. Existe unha variante na zona norte da Mariña Lucense que tiña o eixe cónico e a noz de arriba tamén está furada por dous sitios. Así, ao introducila no devandito eixe, sáelle este por arriba e queda máis seguro.