publicidade hoxe

Curuxa de coca

cocas-de-carballoDo mesmo xeito có bugallo, a coca é formada por outro insecto, o Andricus quercustozae, no interior vai medrando a súa larva ata que, nun momento dado sae por un buratiño, converténdose en mosca. As cocas son rugosas e con picos ao redor, entre sete e quince, formando unha especie de coroa. Dentro da propia Galicia teñen diferentes nomes, carraboucho, garabullos, bullacas ou bugallois. Poden chegar a medir entre uns 2 e 4 cm de diámetro e entre 3 e 5 cm de alto. Ao comezo, cando xorden, son de cor verde salpicada de vermello, para ao final seren pardas ou marróns. Os nenos vían nelas moitas posibilidades de xogo por mor da facilidade con que se podían manipular debido á súa brandura. A impresión que lles causaba ese animal ou ave rara que escoitaban nesas noites escuras non pasaba desapercibida. Non sería a primeira vez que, ao escoitaren semellante berro, dous irmáns que durmían na mesma cama, nun cuarto con ventás simples de madeira e vidros frouxos, se erguesen de súpeto acendendo a pera da luz que penduraba no cabeceiro do leito e botasen a correr con cara arrepiada para xunto dos seus pais ou avós, na procura dun acubillo ou, cando menos, dunha explicación a semellante fenómeno estraño. A partir deste momento, non era doado volver ao estado de sono e tranquilidade. Non obstante, o importante era que estaban dentro da casa, porque peor sería que isto mesmo acontecese vindo de noite por un carreiro ou cómaro escuro entre carballos. Daquela, era obvio que os máis pequenos da casa, unha vez coñecida a proveniencia deste bufido, intentasen imitalo para meterlle o medo no corpo a alguén coma eles.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Unha coca, un arame e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Inverno.

Collemos a coca e quitámoslle, coa navalla e con moito coidadiño, a parte pola que se suxeitaba á póla do carballo. Ao mesmo tempo tamén aproveitamos para cortarlle as puntas da coroa, que normalmente adoitaban ser impares, para que non nos pinche despois ao facela e ao accionala. De ter o burato do bichiño, xa aproveitamos para introducir a punta da navalla nese punto e ir xirándoa ata facer un buratiño duns 7 mm de diámetro. De non existir o furado natural, realizamos nós a escolla do lugar no centro xusto da barriga. Deseguido, procedemos a facer o baleirado. Para iso, collemos o arame e espetámosllo, con xeito, nese buraco e imos escaravellando, ao tempo que lle damos uns golpiños cos dedos ou co propio arame, para vaia saíndo ese po esponxoso, polo burato posto cara abaixo. Este proceso debemos realizalo con moito coidado para non rompermos a casca da coca, porque de ocorrer isto, temos o xoguete xa estragado de antemán. Unha vez baleirado completamente, procurando que fique ben limpo, pois ese po é moi desagradable que veña para os ollos ao soprarmos, xa estamos predispostos para comezar co xogo. Para facerlle piar á curuxa, temos que coller a coca con dous dedos e achegarlle o burato ao labio inferior, ao tempo que sopramos intermitentemente imitando o berro agoirento que ten este tétrico animal das tebras.

curuxa-de-coca-paso-1 curuxa-de-coca-paso-2
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Decembro do 2014 | 11:22 a.m.

Outros temas de Picaraxadas