publicidade hoxe

Canoa de faba

OLYMPUS DIGITAL CAMERAChegaba a fin do verán e con el a recolleita daquelas fabas que se botaran polo medio do millo. Co traballiño que daba desenganchalas do toco do millo, sempre te preguntabas o porqué de sementalas nese lugar e non soas noutra leira, onde sería máis doado recollelas, chegada a hora. Xaora, do que non nos decatabamos é que precisamente o millo servía de cana ou vara de apoio para que as devanditas leguminosas engarabitaran por eles arriba, para deixaren penduradas as súas vaíñas aireadas e soleadas, con menos risco de podreceren por mor das chuvias do mes de setembro. Por outra banda significaba un dobre aforro, o de ter que colocar varas e o de non ter que empregar unha leira específica para tal mester. Para os nenos era, dende logo, unha tarefa ben abondo desagradable por mor dos aloumiños cos que nos agasallaban as follas do millo, pasándonolas polo pescozo, orellas, cara e brazos, que despois ao suar producían un proído desacougante na pel. Mais, por outra banda, tamén aproveitabamos para aprovisionármonos do material suficiente para facermos as nosas lanchiñas coas vaíñas das fabas, iso si, ao degrañalas deixabamos as fabas no carro polo medio das outras. Se había un rego ao lado da leira, xa as botabamos a nadar, senón ao chegarmos á casa metiámolas nun balde con auga, soprabamos e as embarcacións poñíanse en funcionamento para iniciaren a competición.

Esta argallada é abondo coñecida en toda Galicia, porque tamén se podían facer coas vaíñas das xudías ou dos tirabeques. Mesmo existen canoas ou lanchas de dobre quilla. Este mesmo brinquedo, en Francia construíano coas vaíñas dos chícharos ou ervellas e denominábanse bateaux en gousse de pois. De todos os xeitos en todas as culturas con estas leguminosas é común ver este tipo de embarcacións tan curiosas e moi doadas de realizar.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Unha vaíña dunha faba, o máis grande posible, e uns garabulliños delgadiños de calquera póla de árbore.

TEMPO: Uns dez minutos, aproximadamente.

ESTACIÓN: Finais do verán ou comezos do outono.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Procuramos nun fabal unha vaíña, non demasiado seca, porque as que si o están teñen tendencia a abrir con maior facilidade polo fondo, mentres que as que están unha miguiña máis recias non abren tanto e a canoa flota mellor. Pois ben, despois de procurarmos a devandita vaíña, abrímola coa punta da uña pola parte interna que fai a curva, pois será, unha vez aberta, a cuberta da embarcación. Baleiramos as fabas que conteña dentro e sacamos algún fío que puidese ficar na vaíña. A continuación, pasamos ao preparado dos garabulliños, cortándoos a unha medida duns 2 cm, pouco máis ou menos, en función do ancha que sexa a devandita vaíña. Unha vez preparados, procedemos á súa colocación, intercalándoos preferentemente nas cápsulas onde se ubicaban as fabas pois, ao seren cóncavas, suxéitanse mellor. Estes pauciños atravesados serían os baos da cuberta que aguantarían as cadernas na parte superior. Xa teriamos a lancha feita, sendo proa a parte final da vaíña e popa, a parte do pecíolo de enganche á planta.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 15 de Novembro do 2016 | 4:44 p.m.

Outros temas de Picaraxadas