publicidade hoxe

Carro de castaña

castanas

-¿QUE LEVAS, carro baleiro,
que levas pola costiña?
-Levo a mañanciña toda,
con un galo loiro enriba.
-¿Que levas, carro baleiro,
que levas pola costiña?
-Levo a serán con un merlo
asubía que asubía.
¿Que levas, carro do tempo,
costa abaixo, costa arriba?
-Levo semente de estrela
pra sementeira dos días.

Así nos dicía, neste poema titulado ”O carro”, o poeta tudense Emilio Álvarez Blázquez do seu libro Poemas de ti e de min, atopado na Antoloxía da Literatura Galega, do laurentino Francisco Fernández del Riego. Foi musicado por A Quenlla e Suso Vaamonde.

O noso carro foi tantas veces cantado como el cantaba e asubiaba polas costas abaixo e arriba, poñéndolle música aos camiños e vereas das nosas aldeas. Cando o carro pasaba, algo levaba ou ía buscar. Un carro cheo era símbolo de fartura e quen tiña bois para xunguir, unha potencia aldeá. Así nace a figura do “carreteiro”, afamados por fumaren coma o que eran.

Carros deste tipo e doutros materiais téñense rexistrado por toda a xeografía rural de Occidente, dende que fora importado, parece ser, da antiga Mesopotamia. O máis importante, despois das ganas de facelo, era atopar uns materiais axeitados para o construír, pero dentro destes as rodas eran fundamentais. De aí que as castañas igual cá remolacha, nabos, cortiza, anacos de paus…, fosen elementos susceptibles de seren manipulados neste sentido, para serviren de rodas. En todas as culturas aparece este medio de transporte, variando, claro está, en función dos materiais que os pequenos tivese á man.

ASÍ SE FAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERAMATERIAL: Tres castañas, un pauciño gallado duns 5 cm de longo, outro gallado tamén duns 3 cm de longo, uns paus de vimbio ou salgueiro duns 15 cm de longo e uns 3 mm de grosor, un tarabelo ou subela e unha navalla.

TEMPO: Unha media hora.

ESTACIÓN: En outono.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Comezamos a acción por escollermos a castaña máis grande para que faga de chedeiro do futuro carro. Furámola transversalmente, paralela á parte plana, co tarabelo e, a poder ser, ben centrada. Por ese burato introducímoslle o eixe, que sobresaia uns 2,5 cm por cada lado. A seguir, volvemos a coller o tarabelo e facémoslle outro burato, perpendicular ao anterior e xusto no centro. Cravámoslle outro pauciño duns 7 cm, que nos servirá de cabezalla da argallada. Volvemos a coller o tarabelo e facemos, pola parte plana da castaña, seis buratiños laterais e equidistantes para poñer os fungueiros. Despois facemos outro xusto no centro dianteiro, fronte á cabezalla para espetar despois o ranqueiro ou forcada. Preparamos 6 pauciños de 4 cm, afiados por un extremo, espetámolos nos buratos feitos anteriormente. Logo disto, arranxamos unha galla de 5 cm de longo, tamén afiada na punta, e chantámola nese burato central que nos quedaba. Tanto os fungueiros coma o ranqueiro debemos chantalos un bocadiño inclinado cara a fóra para que a carga sexa máis cumprida. Agora é o momento de furar as outras dúas castañas que nos quedan, pola parte central e máis estreita. Espetámolas no eixo coa barriga para a parte de fóra, dando así a impresión dunhas potentes rodas. Xa estaría feito o carro. Agora só quedaría por preparar a galla de 3 cm par logo colocala de tentemozo, para suxeitar a cabezalla do carro. Logo, para argallar con el, depende da imaxinación de quen o empregue, meténdolle diferentes tipos de cargamentos ou colleitas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 7 de Novembro do 2017 | 5:16 p.m.

Outros temas de Picaraxadas