publicidade hoxe

Guerreiro de landra

carballo-e-landrasXa van aló un bo feixe de anos desde que entraran aquí en Galicia os romanos. Quen pode esquecer os acontecementos no monte Medulio ou o famoso paso polo denominado río do esquecemento, o río Limia, que botaba para atrás a aqueles soldados romanos que se gababan de seren tan valentes e botados para diante. Sen dúbida, a nosa historia inflúe decisivamente na creación lúdica dos máis pequenos. Todo isto unido á tradición lendaria e contística que no noso pobo existe, vai axudar á recreación daqueles acontecementos de antano.

A realización de representacións de todo tipo de personaxes para enredar é moi común na tradición lúdica. A landra, especialmente, era moi socorrida para este mester, tanto pola súa textura lisa, pola forma que se adaptaba moi ben a todo tipo de creacións, xa fosen humanas ou animais, e pola súa brandura, que facía moi doado o traballo de elaboración. Así, por exemplo, en Francia facían con este mesmo material os denominados bonshommes en glands, é dicir, homes ou bonecos de landra, podían ser ou non guerreiros ou calquera outro personaxe.

ASÍ SE FAI

guerreiro-de-landra-materialMATERIAL: Unha landra grande e outra pequena, unha ou dúas con capuchón, uns tres pauciños de madeira dura duns 5 cm de longo, outro pauciño duns 2 cm, un arame afiado e unha navalla.

TEMPO: 20 minutos.

ESTACIÓN: A mediados do verán.

guerreiro-de-landra-paso-1
guerreiro-de-landra-paso-2
guerreiro-de-landra-paso-3

Procuramos as landras, collemos a máis grande que consigamos e quitámoslle o carapucho.  Este devandito carapucho serviranos para o escudo protector do futuro guerreiro. A landra grande faranos de corpo do afoutado e valente guerreiro. Collemos un pau de 5 cm e ímolo rebaixando ata conseguirmos o tamaño dun escarvadentes, máis ou menos. Feito este e afiado convenientemente, para que penetre con maior facilidade, espetámolo atravesado na landra a 0´5 cm da punta, é dicir, temos que ver que nos quede proporcional ao resto do corpo. Para facermos o furado, podemos empregar un arame afiado, que nos facilitará o pase. Xa temos pois, as extremidades superiores feitas. Con este mesmo arame, facémoslle dous buraquiños á landra, xusto no cu, de 1 cm, aproximadamente, polos que introducimos outros dous pauciños, que servirán de pernas. Teremos que fixarnos en que a lonxitude destes sexa igual a da landra. Posteriormente, collemos a landra pequena, que nos servirá de cabeza, con carapucho e todo, e na punta introducímoslle outro pauciño ao tempo que llo espetamos tamén na punta da landra grande. Así xa nos queda feito o corpo enteiro do guerreiro. De querermos que este se manteña en pé, podemos espetar as pernas en dúas metades dunha landra pequena, servíndolle de botas e, ao mesmo tempo, de equilibrio. Finalmente, para que teña maior aparencia de arroutado guerreiro, poñémoslle un escudo. Para tal fin, empregamos o carapucho dunha das landras e espetámosllo nun dos brazos, sempre coa parte curva cara adiante. Para xogarmos con el, temos que poñer en marcha a imaxinación. Sería aconsellable facer varios guerreiros para que a batalla fose máis emocionante.

guerreiro-de-landra-final

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 4 de Agosto do 2015 | 10:05 a.m.

Outros temas de Picaraxadas