Barco de cana
Catro vellos mariñeiros, todos metidos nun bote. Boga, boga, mariñeiro, imos pra Viveiro, xa se ve San Roque. Ailalelo … |
Así dicía a cantiga popular, tan coñecida e esparexida pola nosa xeografía e mesmo exportada para lugares por onde pasaron os nosos galegos e galegas emigrantes. Non podía ser doutro xeito, logo, que na infancia os nenos botasen man, para os seus xogos, do tema do mar e das embarcacións de diferentes formas, medidas e nomes, segundo a zona en que estivesen asentados (barcos, barcas, lanchas, dornas, gamelas, bous, chalanas, balsas, botes…). Mesmo, incluso puido ter influído a banda deseñada, as ilustracións dos libros ou a televisión, en banco e negro, e o cinema para a realización daquelas embarcacións unha miguiña máis exóticas, coma as que tiñan, por exemplo, os indios americanos.
O caso é que o material de cana é bastante doado de traballar e, dada a súa forma e lixeireza, adáptase estupendamente para a fabricación destas nomeadas embarcacións. Obviamente, na escolla deste material ou doutro, vai incidir que exista ou non na súa contorna. Como xa temos visto, a casca do piñeiro ou o xunco tamén eran moi empregados para este fin.
ASÍ SE FAI
Comezamos pola preparación da cana, limpándolle un dos nós, vendo que nos quede ben puído e axeitadiño. O outro extremo, despois do nó, cortámolo en bisel, para que dea a sensación dunha proa dun barco. A popa sería o extremo anterior, cortada perpendicularmente.
A continuación, debemos proceder ao baleirado da devandita cana. Para efectualo, primeiro temos que facer dous cortes en forma de cuña, a uns 2 cm de ambos nós. Xa vemos que nos aparece un buratiño, polo que teremos que meter a punta da navalla e facer un corte lonxitudinal ata o furado do outro extremo. Repetimos o labor, sacando varias tiras, ata que teñamos aberto o ancho da cana.
A seguir, repasamos os bordes, para que non queden esteliñas que nos poidan ferir. Despois, temos que preparar tres anacos de cana, daquela dos 5 cm. Estes deben ser planos e duns 2 cm de ancho e o longo do buraco do barco. Trataremos de que entren ben xustos, para que non se mova a armazón. Deseguido, imos preparar o mastro da embarcación. Para iso, podemos botar man do pau de madeira ou mesmo doutro tubo groso de cana, tal como aparece na foto. Cortamos unha tira de cana duns 15 ou 18 cm, que iremos arredondando o máis posible ata que quede nuns 0,5 cm de grosor.
Logo facemos un burato no centro do anaco transversal, próximo á proa, e alí chantaremos o mastro. Nin que dicir ten, que non debe entrar moi axustado, simplemente, para que se manteña en pé e logo poidamos xiralo na singradura. Chega o momento de facerlle ao mastro un buratiño, a 2 cm da base, para introducirmos por el a botavara. Para facer esta, collemos un anaco de cana duns 12 cm de longo e rebaixámola ata que nos fique nuns 3 mm de grosor, mais despois, para metela no buraquiño do mastro, afíámola na punta, ata que entre xusta. Na parte superior, podemos poñer outro pauciño duns 6 cm e do mesmo grosor.
Finalmente, collemos o follato de millo e, na parte superior do mastro, amarramos a parte ancha co fío de cánabo e, na inferior, a parte puntiaguda.