publicidade hoxe

Chifre ou asubío de landra

landrasEn algo había que pasar o tempo cando permanecías varias horas seguidas reparando nas ovellas, cabras ou vacas. Era tempo de acougo, de tranquilidade, de estar en contacto directo coa natureza máis virxinal. Se eran varios irmáns xuntos os que facían tal labor, a sensación era que o día ou a tarde pasara voando, case sen se decataren. Pola contra, se lle cadraba que tiña que ir un neno só, aínda que tamén fose o avó o outra persoa maior, o fastío podía apoderarse del. Así, abondas veces e co asesoramento do avó, facían asubíos para chamar por algún outro neno, veciño ou amigo, coa fin de compartiren eses anacos de lecer e de traballo, enredando dalgún xeito.

Na práctica destes asubíos, había quen os facía fortes e prolongados con dous dedos dunha man, meténdoos na boca e soprando por entre eles, mentres outros utilizaban para tal mester os furabolos das dúas mans ou o corazón e furabolos. Mais, sempre existían aqueles nenos que non eran capaces máis ca de soltar un fío fráxil de son. Entón había que suplir esta pouca habilidade por outro aparello que o solucionase sen moitas dificultades.

En todos os lugares do mundo realizaban asubíos ou chifres con diferentes materiais, o de landra, evidentemente, onde había carballos. En Portugal coñécese como assobio de cúpulas de bolota e, ademais da forma habitual de asubiar, xuntando as dúas partes da landra co burato no medio, pois tamén colocaban unha cúpula entre os dous dedos furabolos e matapiollos, coa parte aberta para arriba. Soprando derriba dela, pola abertura estreita entre os matapiollos, orixínase un asubío agudo. Esta segunda forma de asubiar tamén se practicaba en Bélxica e en Francia, onde era moi coñecido polo nome de sifflet en cupule de gland.

 ASÍ SE FAI

MATERIAL: Dous capuchóns de landra o máis grandes e iguais posible. Unha navalla, aínda que non é estritamente necesaria.

TEMPO DE FABRICACIÓN:Sobre un cuarto de hora.

ESTACIÓN:Finais do verán e outono.

Collemos un dos carapuchos da landra e facémoslle unha fenda semicircular en calquera parte da circunferencia ou boca do carapucho. Apañamos a outra parte e realizámoslle o mesmo, o máis aproximado posible. Xuntamos ambos os dous carapuchos, para ver se coinciden as dúas metades, coa fin de que quede un burato perfectamente circular. Collémolas cos dedos furabolos e matapiollos e achegamos o orificio ao labio inferior. Sopramos agora ata arrincarlle un asubío limpo.De non saír ao primeiro intento, seguimos probando ata que nos saia, aumentando o semicírculo das dúas metades. Debemos procurar xuntalos moi ben, para que non saia o aire por ningún buratiño da xunta. De non conseguírmolo aínda, procuramos xa outras dúas metades de dúas novas landras.

chifre-de-landra-paso-1 chifre-de-landra-paso-2 chifre-de-landra-paso-3 chifre-de-landra
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 28 de Xullo do 2015 | 12:29 p.m.

Outros temas de Picaraxadas