publicidade hoxe

Boi de carozo de millo

carozos-de-milloXa o dicía o mesmo Castelao,”Que pena de bois”, cando vía aqueles touros que asasinaban nas prazas. É verdade, o boi sempre foi un animal emblemático na nosa cultura rural e agrícola. Foron os devanceiros dos tractores chegados á nosa Terra no último terzo do século XX e eran coidados con verdadeiro agarimo. Daquela, debían estar ben mantidos para tiraren ben polo carro ou pola grade e o arado. Cando se levaban ás feiras para vendelos e sacar uns cartiños para poder mercar outros artigos de primeira necesidade, debían ter boa presenza, seren novos e tiraren ben acompasados como parella, de aí que lles chegasen a facer probas xunguidos e tirando por un pau. Non podía ir un adiantado ao outro, senón á par. Así comezaba a aventura de traballo do Gallardo ou do Rubio, que así eran denominados moitos destes bois traballadores. Tanto lles tiña levar o esterco ás leiras coma labrar, gradar, carrexar os rolos de madeira ou arrastrar grandes pedras. Co seu andar pausado e rítmico cativaban a mirada dos nenos ao pasaren polas corredoiras e ao saíren airosos, coas súas carretadas, das congostras máis lamacentas. Despois destes atafegos, comían e descansaban, cos seus lombos fumegantes agardando a tarefa do día seguinte.

A representación de animais xa vén dende moi lonxe no tempo e empregábanse un feixe de materiais diferentes para lograr a súa feitura. Sempre foron maiormente representados aqueles que vivían á beira dos nenos e nenas, preferentemente os domésticos (porcos, ovellas, galiñas, vacas, bois, cabalos, …). Aínda que os exipcios teñen xogado con tigres ou crocodilos, mesmo articulados. Dentro do propio territorio galego, á parte do boi de carozo de millo, tamén se teñen feito bois de piña de piñeiro ou con paus de salgueiro. Nas Illas Canarias, sobre todo na de Tenerife, facíanse este tipo de xoguetes coa folla da chumbeira, tunera ou penca e tamén coa gamona.En Cataluña facían as vaques e bouets de buxo. En Portugal coñecíanse os bois e vacas de cortiça, de arame ou pau e mesmo, polo Sur, de barro. En Francia eran moi comúns os bois ou vacas de pau de salgueiro ou castiñeiro (la vache de saule ou châtaignier ) e mesmo enganchábanlles unha grade, arado ou carro e denominábanos les boeufs aux labours.

ASÍ SE FAI

boi-de-carozo-de-millo-materialMATERIAL: Un carozo de millo, catro paus de 0´5 cm de diámetro e 6 cm de longo, dous paus curvados duns 4 cm e unha navalla.

TEMPO: 30 minutos.

ESTACIÓN: Finais do outono e inverno.

Despois de procurar un carozo de millo, gordo e xeitoso, de cor avermellada ou branca, pois desta maneira da a sensación de maior fortaleza e poderío, de ben mantido, collemos os catro paus e aguzámoslles as puntas, ao estilo dun lapis. A continuación, facémoslle ao carozo dous buratos, xirando a punta da navalla, a unha distancia de 3 cm da parte máis grosa e separados entre si 1 cm. Deseguido repetimos este mesmo proceso a uns 10 cm das patas de diante. Isto varía segundo o tamaño do carozo. Debemos sempre facelas de xeito proporcional ao seu tamaño. É conveniente tamén, realizar estes buratos un pouquiño inclinados cara a fóra para que as patas abran uns 4 cm, para poder sosterse o boi en pé. Colocamos as patas nos seus buratos respectivos. Se apoian ben, xa está. De non acontecer isto, debemos recortar unha das patas, ata apoiaren as catro. Agora collemos os outros dous paus curvos e procuramos aguzalos e redondealos, de xeito que semellen o máis posible a uns cornos. De non o conseguirmos, non nos debe preocupar, porque estes variaban moito segundo a natureza do animal. Facemos agora dous buratos, coa punta da navalla, á altura do que vai ser a cabeza e un pouco ladeados. Espetámoslle os paus e xa está feito o boi.

boi-de-carozo-de-millo-paso-1 ??????????????????????????????? ???????????????????????????????
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 7 de Outubro do 2014 | 12:04 p.m.

Outros temas de Picaraxadas