Muíño de nabo
O xoguete que temos esta semana, se cadra, era un dos que máis graza facía aos nenos polo movemento xiratorio que realizaba e porque imitaba á perfección un dos oficios que máis sona tiña, xunto co dos gaiteiros. O muiñeiro maquieiro, cóidase o amo do rueiro.
Os muíños atopábanse sempre nos lugares máis bonitos da nosa paisaxe. Tiñan todos os ingredientes necesarios para chamar a atención de grandes e pequenos. A auga que todo o rodeaba, o ruído musical do roce da pedra da mó contra o pé e o tarabelo ou tangaño contra a mó, que din que de aí xurdiu o acompañamento da muiñeira ou pandeirada, as árbores que o resgardaban das olladas alleas e as muiñadas nocturnas, facían do muíño un lugar emblemático.
O muíño ceina, ceina/bota a fariña a roda, a filla da muiñeira/ten un cantar que namora.
Era o muíño ese que anda e non ten pés, come e non ten boca; canta comida lle dan toda lle prece pouca, un lugar de esparexemento para os veciños, pois moérase ou non, sempre había xente para botar unha parrafeada.
Estes muíños eran coñecidos por toda Europa, aínda que en diferentes materiais e formas. Os máis semellantes a estes eran os moinhos ou rodízios de batata portugueses.
ASÍ SE FAI
Comezamos, despois de ter buscado o material que nos cómpre, facendo as aspas do que vai ser o rodicio. Para iso, collemos o pau de 40 cm e, coa navalla, con moito coidado, imos abríndoo pola metade, moi devagariño, ata que abra o suficiente para agarralo ben coas mans e abrilo en dúas partes.
Facemos dúas láminas de 2 ou 3 mm de espesor, rebaixando paseniñamente coa navalla. Ao teren 40 cm, dividímolas doadamente en catro partes de 10 cm cada unha. Facémoslles un rebaixe nun estremo duns 2 cm de longo, ata deixar formada unha espeta de medio cm. Temos así feitas as oito penlas ou aspas do rodicio. De non sermos capaces de realizar este proceso, temos a opción de coller unha caixa de madeira da froita e aproveitar os laterais para facer as penlas.
Collemos o nabo pequeno e facemos unha roda de 3 ou 4 cm de ancho e comezamos a montar o rodicio. Espetamos a primeira en calquera parte da circunferencia da roda, perpendicular aos cortes feitos no nabo. Colocamos outra oposta a esta e logo outras dúas perpendiculares a estas. Finalmente, as outras catro restantes nos ocos que quedan entre as xa espetadas. Así queda o rodicio perfectamente equilibrado con 8 aspas.
Cos dous nabos restantes facemos dúas rodas de 4 cm de ancho, para construír o pé e a mó ou capa do muíño.
Afiamos o pau de 30 cm polas dúas puntas. A unha das rodas facémoslle un burato no centro, coa punta da navalla, un pouco máis ancho có grosor do pau, para que este xire con folgura.
Agora procedemos á montaxe de todas as pezas:
a) Cravamos o pau de 30 cm no centro do rodicio.
b) Introducimos a outra roda nese eixo.
c) Cravamos a outra roda, a mó, enriba.
Agora temos que buscar un regueiro e suxeitar o muíño nel. Para iso podemos poñer dous paus atravesados e pousar o pé do muíño neles, é dicir, a peza que vai folgada entre a mó e o rodicio. Finalmente, hai que procurar dirixirlle a corrente de auga cara ás aspas.