Paraugas de Millo
¿Que será unha cousiña, cousa
que cando dá o sol encóllese,
e cando chove estalícase
tornando a auga co carrelo?
Efectivamente, trátase do paraugas, un utensilio que no seu tempo debeu ser un invento rachador, pois anda que poder camiñar ou pasear por debaixo da chuvia e non mollarse, tiña que ter moito mérito. Mesmo ver a quen se mollaba mentres un ía todo fachendoso debaixo do seu galpón ambulante, debía dar un gusto impagable. Ver unha señora da alta sociedade cunha pamela para o sol, debía ser común, pero cun aparello para tornar a auga, non debía ser doado. Pois no territorio galego, polo interior da provincia de Ourense, os nenos e nenas seguro que ficaban abraiados coa figura ambulante do paraugueiro e afiador que se dedicaba á tarefa de arranxalos cando un inoportuno refacho de vento os dobraba ou rompía, separando moitas veces a tea das varas. Unha vez máis a imitación, mais cun alto grao de imaxinación e observación minuciosa, vai ocasionar que os máis cativos da casa fosen capaces de copiar, case ao pé da letra, un paraugas feito co recandeo do millo, é dicir, coa parte máis alta desta planta. A verdade é que tapar non tapaba moito, pero facía un efecto semellante para os seus xogos cotiáns. ¡Como campaba un con el!
É coñecido algo semellante en Portugal, aínda que era feito con outro material e servía para protexerse do sol, mais non da chuvia. Tratábase dunha sombrinha realizada con pataca, plumas de parrulo ou galiña e un pau no centro; era usado nos xogos das nenas.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Un recandeo de millo e unha navalla.
TEMPO: 5 minutos.
ESTACIÓN: Finais do verán e comezos do outono.
Botamos man dun recandeo de millo, tamén denominado noutros lugares de Galicia florón, pendón, pondón ou a parte de arriba da porreta do millo, e cortámolo por debaixo do último nó. É importante que sexa por debaixo, pois se chegamos a cortar por el, xa as varas do futuro paraugas non se sosterían por lle termos rotos os enganches. A continuación, dámoslle un corte en cruz, entre 8 ou 10 cm de longo. Dobramos cadanseu corte cara abaixo. Para que nos dea campo para pechar o paraugas, e ademais por estética, debemos quitarlle coa navalla as ramificacións do recandeo, ata deixarlle unha ou, como moito, dúas. Agora se tiramos pola folla ata abaixo de todo, quedaríanos o paraugas pechado. Dada a fraxilidade do material, pódenos romper con moita facilidade, daquela temos que andar con moito coidadiño. De rompernos, temos que coller outra e facer o mesmo. O curioso da argallada é ver como se abre e fecha. Iso si, non vaiamos pensar que nos vai tapar moito nin en caso de chuvia nin en situacións de moito sol.