Corno
No mundo rural galego adoitábase ter unha vaquiña ou varias, os que podían, ou bois. Á parte de daren o leite para manter a xente da casa, no caso das vacas, empregábanas para xunguir ao carro ou arar e gradar as leiras. Para durmiren, gardábanas nas cortes, onde as muxían, e elas facían o esterco para logo abonaren as terras. Algunhas veces acontecía que as vacas escornaban, é dicir, caíalles un corno ou os dous. Os nenos non sabían o porqué. Unhas veces porque pelexaban entre elas e outras porque petaban, nun despiste, contra unha parede cando querían escorrentar un tabán. O corno caía e dicíase que a vaca escornara. Pero, daquela, todo se aproveitaba, ben fose para servir de agocho á pedra da gadaña que ía colgada ao cinto e mollada cando se ía segar a herba ou para tocar con el nalgunha trouleada. Deste feito xorden as cornetadas, ou sexa, tocar varios o corno para festexar algo ou chamar a atención por algún acontecemento. En moitos lugares de Galicia facíanse xuntanzas para tocar estes cornos cando vellos ou viúvos tiñan a intención de volver casar sen avisar. Entón, ata que pagaban unha merendola ou un cabaciño de viño, non cesaban estas monicións ou proclamas. Noutros lugares realizaban isto mesmo coas viúvas, facendo verdadeiras actuacións satíricas contra estas pobres vítimas que non podían acubillar a ninguén do outro sexo nas súas casas sen seren “denunciadas” por esta ruidosa veciñanza. Recibían diferentes nomes: cornetadas, cinzarradas, cornetamas, chocalladas, encerralladas, … Os rapaces miúdos eran incitados polos máis mozos para pregoar aos catro ventos estas situacións. Habitualmente estas trouleadas remataban cando a viúva negociaba con eles unha boa merenda e viño dabondo.
ASÍ SE FAI
Comezamos coa realización da palleta de cana. Daquela, collemos o tubo de cana de 15 cm e axeitamos o nó para que non lle quede ningunha aspereza e, deseguido, quitámoslle un anaco superficial duns 4 cm. Xusto detrás do nó, dámoslle un corte transversal duns 2 mm de profundidade. Dámoslle á navalla un pequeno xiro e imos, devagariño, fendendo e levantando ese anaco de cana ata chegarmos a uns 3 cm de longo. Introducímola toda na boca e sopramos, para ver se soa. De non o conseguirmos, podemos probar a quitarlle pola parte superior outro pouquiño, para que a palleta fique máis fina e acabe soando. Hai veces que non se consegue ao primeiro intento, pero non por iso debemos desistir diso.
A continuación cortámoslle a punta ao corno, coa serra do ferro, a uns 5 cm de longo ou ata que vexamos que está oco. Tratamos de introducir a palleta por ese buraco, axustándoa moito. De non nos entrar á primeira, podemos rebaixar unha miguiña a cana ou aumentar o burato do corno. Temos que indicar que, se a cana está verde, no futuro, ao secar, vai diminuír o diámetro e, polo tanto, vai ficar frouxa e caerá. Había quen lle facía un burato lateral e por aí introducía o pallón. Outros, mesmo lles facían tres ou catro buratiños por riba e un por debaixo, facéndolle sacar diferentes sons. Coma se dunha frauta moi ronca se tratase. De non conseguirmos o corno do animal, sempre o podemos substituír por un cucurucho de cartolina, que nos sacará os devezos de tocar.