Lancha de táboa
Chamaba moito a atención este medio de navegación aos nenos, sobre todo porque, malia ser un desprazamento moi curto por mor do esgotamento da corda, chapuzaba na auga e daba a sensación de que era coma a hélice dun auténtico motor. Ademais, esta era capaz de navegar por si mesma sen necesidade doutra forza que a axudase na súa travesía, é dicir, non cumpría nin vento, nin corrente dun rego, nin sequera a axuda dunha vara ou cana para empurrala. Isto permitía, aos improvisados navegantes, sucar calquera auga parada, deixando por pegada faladores ronseis.
Era este tipo de lancha bastante coñecida por toda a Península Ibérica e mesmo noutros lugares. No territorio español era coñecida comobarca de hélice ou barca de paleta. Nas Illas Baleares denominábana barque amb hélice d´elastic. En Francia, bateau à aubes ou barque à moteur e podía ser de dobre hélice ou aspa, a semellanza das aspas ou paletas dun muíño.
ASÍ SE FAI
Hai que partir dunha táboa estreita de 5 milímetros de grosor e duns 15 cm de longo por uns 5 ou 6 cm de ancho. A esta forma rectangular había que facerlle, coa navalla, unha punta semicurva ou rematada en punta na zona de proa, coa finalidade de que se nos semelle o máis posible á forma dunha embarcación. A continuación, na parte posterior da táboa, na zona de popa, hai que quitarlle un bocado rectangular duns 4 cm de lonxitude por 2 cm de anchura. Logo, debemos construír unha especie de paleta ou hélice, máis estreita no centro, duns 5 cm de longo e menos ancho có anaco que faltaba de madeira. Finalmente, facíanselle uns pequenos rebaixes, a xeito de encaixe, na táboa principal e a 1 cm da traseira, para que servise de enganche a unha goma elástica. Introducíase a paleta, centrada, entre a goma, xirábase no sentido contrario ao da navegación ata que estivese ben enrolada, sen que chegase a romper. Seguidamente, sen soltar a paleta, botábase na auga, normalmente en augas estancadas ou con pouca corrente, como en lavadoiros, estanques, pías ou bebedoiros dos animais. Ao ir desenvolvendo a goma, a hélice vaise movendo e a lancha navegando e avanzando cara adiante, ata que remate de desenvolverse toda a goma, que lle facía de corda propulsora. Podían realizar competicións entre eles para dilucidar cal era a lancha máis rápida ou a que aguantaba máis tempo navegando.