publicidade hoxe

Carraca tradicional de cana

O seu uso, ben sexa feita de madeira ou de cana, ben do seu emprego na Semana Santa, cando por mor da morte de Cristo, non se empregaban as campás para anuncio. A partir deste uso foise popularizando cada vez máis.

É este un enredo moi popular en toda Europa e parte do mundo, así como, por suposto en toda a Península Ibérica. En Euskadi chamábanlle karraka. Nas Illas Baleares, xorrac de canya. En Cataluña, garreu de canya. En Portugal, reco-reco, rela, reque-reque e cegarrega. En Francia, la crécelle. En Italia, raganella, cirrìu, firrialoru, cicarr´, tirruòzzua, zigàla dla semana santa, compièta ou cantarana. En Estados Unidos era empregada na noite do Halloween e denominábana rattletrap.

ASÍ SE FAI

Material:
Un anaco de biouteiro ou sabugueiro en forma de roda, entre 4 ou 5 cm de diámetro e un espesor de 1,5 ou 2 cm; un pau duns 15 cm de longo e 1,5 cm de espesor; un tubo de cana de 3 cm de gordo e uns 18 ou 20 cm de longo; unha navalla.

Tempo:
Por volta dunha hora ou máis.

Estación:
Primavera.




Comezamos por facer a roda do piñón. Para iso, imos facendo unhas fendas en forma de uve duns 4 mm de profundidade e outros 4 mm de ancho na súa base. Continuamos así ata darlle a volta a todo ao redor da roda. A seguir, cortamos unha cana polo nó, que teña uns 3 cm de gordo e uns 20 cm de longo. Polo lado oposto ao nó facémoslle unha fenda lonxitudinal, con moito coidado iso si, ata preto do nó. Unha vez feita esta, facemos a 2 cm de distancia, outra paralela. Raspámoslle ao tubo 2 mm a cada lado da fenda, para que quede frouxa esa lingüeta. Levantámola un pouco e metemos entre esta e o tubo un traveseiro de madeira, para que a manteña un pouco erguida, sen rompela. Isto facilítanos a tarefa de rebaixe dela para que quede máis fina e soe mellor.

Esta operación, nin que dicir ten, temos que facela, con moito coidado, coa navalla, comezando dende a parte máis próxima ao nó ata a zona aberta, é dicir, de dentro cara a fóra. Rematado este labor, facémoslle ao tubo outras dúas fendas paralelas a 2 cm de separación e xusto pola parte de atrás das anteriores, mais contra a parte aberta da cana, que teñan 4 cm de longo. Xusto no remate, quitámoslle un bocado, a xeito de uve, e espetamos por aí a punta da navalla e cortamos ata arrincarlle esa

lingüeta. Logo, facemos dous buratos, de 0,5 cm de diámetro, a ambos lados da cana e a 1,5 cm da parte aberta do tubo. Collemos o pau de 15 cm de longo, que debería ser de salgueiro ou abeleira, e nunha das cabezas facémoslle un rebaixe, ao redor, duns 5 cm de longo e ata que nos quede o suficientemente rebaixado, para que entre axustado no burato do piñón. O burato do devandito piñón debe ser inferior a 0,5 cm, debemos amplialo ata que teña esta medida, senón é moi feble. Agora temos que tratar de introducir este mango no burato de cana e no piñón. Ten que quedar un pouco frouxo na cana, para esta poder xirar como é debido.

Finalmente, recortamos a lingüeta xusto na medida que nos vaia saltando de dente en dente. Para accionala, xiramos o mango dándolle voltas coa man.

8-Detalle

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 30 de Marzo do 2013 | 11:33 p.m.

Outros temas de Picaraxadas