publicidade hoxe

Asubío de landra

landrasEsta argallada forma parte dos xoguetes sonoros, que tan rechamantes resultaban e resultan aínda neste século XXI en que a contaminación acústica é cada vez máis. Un tempo este no que escoitar o silencio non é tarefa doada e, se se quixer, non sería doada empresa ou nos teriamos que trasladar aos montes e prados do interior da nosa Galicia. Cando estes asubíos, de moi diversas formas, tamaños e materiais, viñeron a este mundo para entreter aos máis pequenos, non pasaban facilmente desapercibidos, porque daquela si se escoitaba o silencio nun mundo eminentemente rural. Eran unha verdadeira axuda para pasaren os rapaces o seu tempo, mentres coidaban no gando no monte ou prados onde o único son que se escoitaba era o cantar harmonioso e algareiro dos diferentes paxaros que amenizaban a súa monótona tarefa cotiá. Estes adoitaban servir de directores da orquestra neste ambiente bucólico e pastoril, pois a rapaciada, en moitas ocasións trataba de imitar o canto destes artistas das silveiras, mantendo a miúdo un diálogo, que só os voadores entendían. Daquela era doado e común observar como os paxariños máis pequenos (charchegos, paporrubios, gorrións, piscos, lavandeiras, …) acompañaban as vacas no seu tranquilo pacer, ben procurando pequenos insectos e vermes que xurdían despois de rasuraren a herba ou aproveitando todo tipo de moscas, mosquitos e tabáns que ousaban aterrar no lombo dos sufridos animais e que ficaban medio aparvados logo dun golpe de rabo. Do mesmo xeito, estes asubíos servían para conectar con outros posibles camaradas que estaban en prados estremantes e que, ao oíren o asubío, acudían xunta os seus amigos para gozaren dunha xogareta todos xuntos. Outras veces, simplemente, empregaban estes reclamos para chamaren polo can para que lles botase unha man á hora de tornar unha vaca do prado do veciño.

Estes asubíos foron coñecidos en todos os lugares onde había carballos, sobre todo en Galicia e Portugal, onde eran coñecidos co nome de assobio de cúpulas de bolota, e que ás veces introducíanlle unha pequena area ou semente, conseguindo un efecto semellante ao dun chifre.

ASÍ SE FAI

asubio-de-landra-materialMATERIAL: Dous capuchóns de landra o máis grandes e iguais posible e unha navalla, ou non.

TEMPO: 5 minutos.

ESTACIÓN: Finais do verán e outono.

Collemos un dos carapuchos da landra e facémoslle unha fenda semicircular en calquera parte da circunferencia ou boca do carapucho. Apañamos a outra parte e realizámoslle o mesmo, o máis aproximado posible. Xuntamos ambos os dous carapuchos, para ver se coinciden as dúas metades, coa fin de que quede un burato perfectamente circular. Collémolas cos dedos furabolos e matapiollos e achegamos o orificio ao labio inferior. Sopramos agora ata arrincarlle un asubío limpo. De non saír ao primeiro intento, seguimos probando ata que nos saia, aumentando o semicírculo das dúas metades. Debemos procurar xuntalos moi ben, para que non saia o aire por ningún buratiño da xunta. De non conseguírmolo aínda, procuramos xa outras dúas metades de dúas novas landras.

asubio-de-landra-paso-1 asubio-de-landra-paso-2 asubio-de-landra
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 29 de Setembro do 2014 | 7:24 p.m.

Outros temas de Picaraxadas