Parrulo de follato de millo
Sen dúbida os brinquedos máis antigos, máis tradicionais e populares son os que representan as figuras de diferentes animais e mesmo do home, en forma de monecos e monecas. Coñecidos son os atopados en sartegos nas culturas da Antigüidade, coma en Persia, Exipto, Roma ou a Antiga Grecia. Alí apareceron animais de diferentes formas de movemento, feitos en barro, arxila, madeira ou pedra. Por exemplo, pódense observar crocodilos ou tigres feitos en madeira en Exipto, do ano 100 a C., igual ca lebres, tartarugas ou paxaros. Tamén se teñen atopado feitos de cera. O caso é que todo aquilo que rodeaba a infancia dos nenos e nenas e que convivía acotío con eles, axudando dun xeito ou doutro ao seu desenvolvemento físico e afectivo, era reproducido con verdadeiro entusiasmo e agarimo, pois tiñan un sabor a familiar, a doméstico.
Todos estes animais formaban parte da súa familia, do seu día a día, de feito poñíanlles nome a todos igual ca se fosen persoas. As vacas, o burro, o cabalo, a besta, o can, … tiñan denominacións variadas, non eran un número máis. Ata o xatiño ou o año se chamaban algo e cando tiñan que ser vendidos ou intercambiados para mellorar a economía ou mesmo matados para comer, sempre se procuraba que non houbese presenza dos máis pequenos, posto que as bágoas chegaban ao mar á hora da despedida. Non sería o primeiro neno ou nena que colleu tal trauma e no futuro negábase a comer carne de xato ou perico por pensaren que era a dos seus animaliños queridos. ¿Como non ían eles representar os seus compañeiros bípedos ou cuadrúpedos nas súas xogaretas? Uns deses moitos eran os parrulos, aqueles que son de terra e son de aire, cando de andar están cansos, se se lles antolla, voan ou, se se lles antolla, nadan. Outras veces, facían representacións por lecturas ou contos que tiñan escoitado dos maiores, con personaxes de animais que lles caían especialmente simpáticos. Non esquezamos os famosos contos terribles dos irmáns Andersen.
Esta tradición de representar animais é coñecida en todos os lugares do planeta Terra, aínda que empregando os materiais máis inverosímiles.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Media ducia de follas dunha mazaroca de millo, fío de cánabo e unha navalla. TEMPO:20 minutos. ESTACIÓN: Outono. |
Escollemos dúas follas, o máis longas que atopemos. Colocamos as puntas xuntas e superpostas, quedándonos os cus, cada un a cadanseu lado oposto e enrolámolas o máis apertadas posible.
A uns 2´5 cm do extremo dámoslle un nó, dobrámolo a esa altura da amarradura e logo, despois de dobrar por onde atamos, a 1 cm volvemos a atar fortemente. Imos dándolle voltas en espiral ao fío ata uns 2´5 cm de distancia do outro extremo.
Volvemos a atar, dobramos e atamos de novo a 1 cm. Se queremos que nos vaia facendo cruces, volvemos a atar dándolles voltas en espiral ata o outro extremo.
Agora collemos unha folla, non moi grande, e dobrámola coma a anterior, pero máis frouxa. Abrazámola, dobrada, pola parte feita anteriormente e amarrámoslle fortemente as puntas a uns 2 cm da dobrez. Deseguido, cortamos as puntas sobrantes a medio cm desa atadura.
Quédanos así colocada pola metade da primeira estrutura, pero só abrazada por un lado. Deseguido, collemos as outras dúas follas grandes e enrolámolas sen apertar do mesmo xeito ca a anterior.
Dobrámolas, de maneira máis ampla, e abrazamos as dúas patas, por debaixo da cabeza, orientada en sentido contrario a esta. Amarramos fortemente á distancia que nos pareza oportuna, recortámoslle as puntas sobrantes e xa está listo o parrulo para nadar ou andar, non para voar.