Colar de bugallos
MATERIAL: uns 40 ou 50 bugallos, dependendo do tamaño deles ou da cabeza de quen queira lucir o colar; fío de cánabo e un pauciño duns 3 cm, un tarabelo e unha agulla grosa ou de albardeiro ou zapateiro. De non ter ningunha destas, pódese empregar un arame fino. TEMPO:20 minutos. ESTACIÓN: outono ou inverno. |
Dende as sociedades máis antigas, o adornarse con diferentes colares e pulseiras era o normal e común, xa elas fosen de aquí ou de acolá. A imaxinación infantil adoitaba realizar este tipo adornos nos máis inverosímiles materiais que un maior poida dar creto. Iso si, todo isto estaba baseado na imitación dos seus maiores e nos devezos de semellarse, cada vez máis, a eles.
Este tipo de colar é coñecido en todos os lugares nos que existían carballos.
ASÍ SE FAI
![]() |
![]() |
![]() |
Despois da procura dos bugallos que cumpran, imos facéndolles un buratiño a cada un co tarabelo, aproveitando xa o realizado polo bichiño. Despois podemos ordenalos por tamaños para así elixir o proceso de montaxe que máis nos guste.
Montamos a agulla no fío e atamos no final o pauciño, para que non saian os bugallos. Comezamos a enfialos de un en un introducindo a agulla en cada un deles ata que vexamos que é suficiente o número para rodearnos o pescozo. Ao rematar, cortamos polo enganche da agulla e polo pauciño e anoamos as puntas.
De non conseguirmos bugallos en abundancia, podemos realizar outro colar semellante con cocas, pois por mor do maior tamaño, cumpriríannos menos da metade delas. Ademais é moito máis doado atopar cocas e non bugallos.