publicidade hoxe

Chifre de Ameneiro

9 (Chifre de ameneiro2)

Esta árbore típica do bosque de ribeira era unha especie moi musical. Naquelas beiras dos prados que daban aos ríos ou regueiros, adoitábase podalos todos os anos, co cal eses brotes ou rebentos que xurdían anualmente eran a materia prima ideal para argallar estes enredos sonoros. Era unha madeira moi branda e lixeira, moi doada de traballar. Isto é o que vai influír para que os zoqueiros se decidan por esta madeira e, non por outra, para confeccionar esas zocas e madreñas viaxeiras. Éralles moi doado cortar toros á medida dos pés e baleiralos cos diferentes tipos de trades ata que resultaban cómodos para camiñar. Así pois, esta árbore foi fundamental na vida dos nosos devanceiros, mágoa que estea desaparecendo por culpa dunha praga de fungos.

1 (Ameneiros)

Este tipo de chifre ou asubío coñecíase tamén en moitos outros lugares, aínda que podía estar construído coa casca doutra árbore. No veciño Occidente de Asturias coñécese co nome de xipro ou chifro. En Portugal chámanlle subiote, assobio, zorra ou reixenol e podía estar feito de sabugueiro, freixo, figueira ou castiñeiro. En Cataluña é coñecido por xaramella de pela d´arbre e podía estar feito tamén de cerdeira, figueira, freixo ou abeleira. En Euzkadi recibía varios nomes tamén, segundo os lugares: silbo, pito, txistu, xirula, hüstüa, txilibitu ou chuflete e, ademais das árbores anteriores, podía estar feito de nogueira, abeleira ou choupo. En Francia podía chamarse sifflet ou sublet na Bretaña, onde o facían habitualmente de castiñeiro ou sabugueiro, ou sifflet d´écorce (asubío de casca) no resto de Francia e podía ser de freixo. Tamén polo Norte de Italia era coñecido como subiol ou fischietto e estaba feito de freixo ou salgueiro. En moitos lugares, ao tempo que se quitaba a carapela da árbore, para que saíse enteira, botábase unha cantiga recitada.

ASÍ SE FAI

MATERIAL: un pau dun rebento de ameneiro de 1´5 cm de grosor, procurando que teña unha mínima distancia de 5 cm entre nó e nó; unha navalla.

TEMPO DE FABRICACIÓN:15 minutos.

ESTACIÓN: Primavera.

2 (Paso-1)

3 (Paso-2)

4 (Paso-3)

6 (Paso-5)

Escollemos un rebento de ameneiro, coas características xa sinaladas. Cortámolo e facémoslle un corte en bisel pola parte máis estreita antes do nó, é dicir, na que estea cara á punta do rebento.

Cortamos transversalmente a punta do bisel. Deseguido facemos un corte ao redor cerca do outro nó. A dous centímetros da punta cortada ao bisel, facémoslle un corte en forma de uve de 4 mm de ancho. Pasámoslle a cacha da navalla lonxitudinalmente, premendo forte de detrás cara adiante, todo ao redor, a partir do corte ata a punta. Observamos que sae un zume por entre a casca e a madeira. Isto indica que a operación vai ter o éxito agardado. Agarramos coa man a vara xusto entre os dous nós seguintes aos que estamos traballando. Coa outra agarramos a parte que estamos a elaborar. Xirámola e observamos que a pel sóltase. Tiramos por ela e deixámola a un lado. Co anaco de madeira descuberto, facémoslle un corte cara abaixo tomando como referencia o corte transversal anterior e imos baleirando o anaco de madeira ata medio centímetro da outra parte. Cortamos na marca anterior a 2 mm e facémoslle un rebaixe cara á punta de xeito inclinado. Finalmente montamos a pel tal como estaba ao principio. Quitamos a madeira sobrante e a tocar ou asubiar.

7 (Paso-6)2

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 22 de Maio do 2013 | 12:23 p.m.

Outros temas de Picaraxadas