publicidade hoxe

Viravai

viravai_1

viravai_2

É este un enredo moi peculiar que ten moito que ver cos devezos do ser humano por voar e, de feito, lembra moito ás hélices dos helicópteros en pleno voo. Mais os nenos, enchoupados na cultura popular e que vivían acotío en contacto directo coa natureza e o mundo rural, observaban a caída das sementes que saían voando das piñas dos piñeiros ou, sobre todo, dos pradairos. Estas aparecían esparexidas polo vento xirando sobre si mesmas para alcanzar un espazo afastado da árbore proxenitora e así aterrar nun lugar onde poder xermolar no futuro, asegurando a supervivencia da súa especie. Esta forma de desprazamento aéreo inspira á realización destes peculiares aparellos voadores.

Semella que esta argallada era moi coñecida por Europa e América. Nas Illas Baleares denominábase roda voladora amb rodet de fil e, aínda que era considerado un xoguete individual, os nenos podían xuntarse para ver quen o lanzaba mellor, máis lonxe ou a quen lle voaba durante máis tempo. En Euzkadi chamábanlle errotatxoa ou buelta bueltakua. Xeralmente, en España coñecíase polo nome de molinillo. En Portugal era coñecida como ventoinha, vira-vai, vai-e-vem ou aeroplano. En Italia como frullino ad elica.

ASÍ SE FAI
viravai_3viravai_4viravai_5viravai_6viravai_8viravai_9

MATERIAL:Un carrete de fío, un pau de 10 cm de longo e 1 cm de ancho, unha lata de 10 cm de longo e 3 cm de ancho; un pauciño duns 3 cm de longo e uns 6 mm de ancho; un fío de cánabo, do dos chourizos, duns 80 cm; dúas puntillas de cabeza de alfinete; un lapis, unhas tesoiras da lata e unha navalla.

TEMPO:Unha hora.

ESTACIÓN:Calquera época do ano.

Comezamos por marcar, cun lapis, na lata unha forma de hélice. Logo recortámola coas tesoiras da lata. Marcamos o centro dela e a uns 6 mm de cada lado, en sentido lonxitudinal, facemos dous buratiños cunha punta. Collemos o carrete e colocamos a hélice derriba dunha das rodas del e cravamos as dúas puntas nos respectivos buratos, centrados con respecto ao burato do propio carrete. Cortámoslles as cabezas ás puntas e miramos se a hélice entra e sae nelas con folgura. Tamén podemos aproveitar este momento para xirar un pouco a hélice. De non conseguirmos o carrete, podemos facer unha imitación cun pau de sabugueiro. Rematada esta tarefa, poñémonos a facer o mango do enredo. Daquela, collemos o pau de 10 cm e, dende a metade cara a un lado, facémoslle un rebaixe ao redor ata que entre con folgura no burato do carrete. Introducímolo no carrete e miramos se nos sae polo outro extremo del. Se isto ocorrese, temos que cortarlle ese anaco porque senón non funcionará. Collemos o pau de 3 cm de longo e, no medio, facémoslle unha pequena fenda ou rebaixe ao redor, para que non escape o fío, unha vez atado a el. Para accionalo, collemos o fío e enrolámolo no eixo do carrete, deixando o pau para agarrar. Agarramos o enredo polo mango e situámolo coa hélice cara arriba e sempre por encima da nosa cabeza, para evitar posibles accidentes. Tiramos polo fío con forza a ver se sae a hélice. De non acontecer isto, debemos enrolar o fío no outro sentido e probar outra vez.

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 20 de Agosto do 2013 | 8:47 a.m.

Outros temas de Picaraxadas