publicidade hoxe

Arco e frechas de vimbio

 Arco de vimbio

É este un xoguete que representa claramente o funcionamento da imitación nos enredos dos máis pequenos. Non hai máis que remontarse á época paleolítica en que aparecen escenas de caza con arco e frechas e tamén na mitoloxía, aqueles Cupidos lanzando esa frecha amorosa, para observar como esta argallada vén xa de hai moito tempo. Aínda que tamén axudou dabondo, a partir dos anos sesenta do século pasado, o feito de apareceren na televisión, en branco e negro, os filmes de indios e vaqueiros. Unhas veces, os indios americanos empregábanas para a caza, ou mesmo a pesca, e outras para combater en loita desigual contra aqueles colonos invasores ou nos enfrontamentos contra a cabalería americana, que tentaba metelos en reservas ou eliminalos da face ta terra para sempre.

Os nenos, cando dispoñían de tempo, que era case sempre nas tardes do domingo, se non había algunha encomenda familiar, saían ao medio do monte, soutos, carballeiras ou fragas, e alí facían as guerras emulando os indios, ata caeren de cu extenuados polo cansazo e mollados pola suor. Daquela regresaban para as súas casas, moitas veces con medo a unha reprimenda paterna por chegaren con algunha ferida ou coa roupa esgazada. Outras veces, realizaban competicións de puntería disparando contra algunha diana ou obxecto, coma botes de conservas, botellas, …

Pódese dicir que é un xoguete universal e moi coñecido en case todo o mundo. Así, por exemplo, en Francia este arc et flèche  podía ser de freixo ou de baleas de paraugas; en Cataluña chámaselle l´arc i fletxa, o mesmo que nas Illas Baleares, onde se facía de oliveira. No País Vasco denominábano como arkua e geziak e, ademais do vimbio, empregaban abeleira, freixo e plataneiro de sombra. En Portugal coñécese como arco e flecha  e no Norte de Italia como canin ou arco e facíase habitualmente de abeleira.

ASÍ SE FAI

Arco de vimbioMATERIAL: Un pau de vimbio de 60 cm por 1 cm de diámetro, unhas variñas de vimbio de medio cm de grosor e 40 cm de longo, cordón forte duns 60 cm e unha navalla.

TEMPO: unha media hora, aproximadamente.

ESTACIÓN: outono ou inverno.

Arco de vimbioArco de bimbioArco de vimbioArco de vimbio

Ao pau máis longo facémoslle un rebaixe inclinado en cada un dos extremos, para suxeitar o cordón, a un cm da punta. Collemos o cordón e facémoslle dous nós nos extremos. Estes poden ser fixos. Para conseguilos realizar, facemos un nó a 3 cm do final do cordón. De seguido realizamos unha lazada que queda fixa a ese nó.

Para que fique máis seguro, facemos outro nó coa punta do lazo e o cordón, coma o dos zapatos. Este lazo debe ter unha circunferencia superior á do pau. A continuación facemos esta mesma operación coa outra punta do cordón. Cortamos as puntas sobrantes das lazadas e procedemos á colocación de ambos lazos nos extremos.

Para realizar esta operación, primeiro metemos unha lazada nun dos encaixes do pau. Dobramos a vara ata que nos chegue ao cordón, apoiando nun sitio firme, e metemos a outra lazada na punta que nos queda. Así xa temos o arco.

Para facer as frechas, collemos cada un dos pauciños, que deben ser o máis rectos posible, e cortámolos transversalmente. No extremo máis groso facémoslle un encaixe en forma de V, para suxeitar o cordón, no momento do lanzamento. De querermos facilitar o lanzamento, realizarémoslle lateralmente dous rebaixes nese extremo, coa finalidade de agarrar mellor cos dedos. Tamén podemos afiar un pouco a punta.

Para lanzar, collemos o pau do arco coa man pechada, pola metade. Colocamos a fenda da frecha no cordón, agarrando co polgar e o índice neses rebaixes e apoiámola encima do dedo índice da outra man. Tiramos cara atrás da man e soltando, sae a frecha disparada. Este arco non é perigoso se non é forte de máis. Podíanse facer con outro material, de non ter vimbio á man, como salgueiro, abeleira, uz ou baleas de paraugas. Aínda que estes dous últimos non son aconsellables, por seren moito máis fortes e, polo tanto, máis perigosos.

Arco de vimbio

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 2 de Xaneiro do 2014 | 1:24 p.m.

Outros temas de Picaraxadas