Pote de coca
“Díxolle o pote á tixola, apártate non me tingas” ou “díxolle o pote ao caldeiro, arrédate alá, non me luxes”. Estes e outros ditos era empregados comunmente, para indicar que alguén está criticando algo nalgunha persoa, cando, quen o dixo, ten moito que rabuñar; é dicir, criticar nos demais algo do que ti mesmo pecas abondo. Se a fraseoloxía popular bota man do pote para estes mesteres, quere dicir que estaba ben enraizado na cultura popular. Mesmo se dicía: “Ten pés e non anda, alas e non voa, come ata fartarse e mais non engorda”. Moi querido pola xente, por todo o significado que tiña, cando de encher o estómago se trataba. Tiña o aquel de fartura,” Está gordo coma un pote” ou “Ten un cu coma un pote”. Mesmo no trato diario, cando alguén saudaba e dicía: “Ola”, sempre podía existir alguén que quería chancearse e contestaba: “Ola, non é pote”. En fin, que o pote, polo tanto, non puido pasar desapercibido para a xogareta dos máis miúdos, sobre todo das nenas. Era unha argallada moi solicitada cando se xogaba ás casiñas e se facían comidas especiais para toda a familia de nenos e nenas que se dispuñan a xogar, imitando o que vían a diario nas súas moradas. Ese comer e cear ao redor de tan emblemática figura, traía consigo, case sempre, gratas lembranzas con sabor non só a comida, senón tamén a contos e lendas, unha veces para adormecer e outras, precisamente, para non poder facelo por mor do contido destes contos, o medo.
Hoxe, como cambiou o conto. Cantas familias desexarían ter o pote para falaren ás noites e intercambiaren opinións para solucionar os seus problemas e os dos que están en idade de xogar. Terá algo que ver que agora se empreguen como soporte para plantas variadas, fóra da casa’
Esta mesma argallada tense atopado en culturas moi próxima á nosa, como en Portugal, onde as denominaban panelas de bugalho ou mesmo en Francia, coñecido por le pot.
ASÍ SE FAI
Comezamos por procurar unha boa coca que, pola súa forma, nos lembre unha miguiña ao futuro pote. Axeitámola un pouco, quitándolle eses posibles picos que ten ao redor. Pois ben, xusto por derriba desa liña que marcan os pinchos, cortamos a coca transversalmente. Xa teriamos separada a tapadeira da cunca do pote. Procedemos, a continuación, ao baleirado total da coca. Podémolo facer coa propia navalla ou mesmo cun arame ou un garabullo rematado en punta. Trataremos de que non lle quede nada dentro e realizaremos esta acción con coidadiño porque as paredes da coca son moi fráxiles. A seguir, tamén lle podemos raspar un pouco á tapadeira, coa punta da navalla, así daría a sensación da concavidade, propia destes testos. Procedemos agora á facerlles unha pequena punta aos tres pauciños de 4 cm e espetámolos, equidistantes, na parte inferior da coca, a xeito de trepia ou trespés. Xa teriamos montado o pote. Só nos cómpre botarlle algo dentro para facer un bo caldo. Hai quen lle pon unhas asas laterais espetando uns anacos de frouma do piñeiro e, mesmo, na tapadeira.