publicidade hoxe

Carrizo de cana

canasCalquera son, por estridente que sexa, é capaz de impresionar o ouvido dos nenos e nenas dende a máis tenra infancia. Estes sons cando se converten en melodías bonitas alegran as súas caras e provocan o seu sorriso e estimulan o seu movemento, máis ou menos acompasado. Este carrizo lembra polo seu son e, dependendo da pericia que se teña para manipulalo, pola repetición de golpes contra a cana ao trino do devandito paxaro. Por iso, á parte da súa primordial función de repetir diversos ritmos coma unhas castañolas e para acompañar outros instrumentos, tamén se podía empregar como reclamo e realizar pequenas conversas con estes paxariños piadores e buliceiros. Esta última función facíalles tanta ou máis graza aos pequenos coma a propiamente musical, pois poder falar cos paxaros non o facía calquera.

En Portugal era coñecido como treco-lareco, grilo ou estaladinhas; nas Illes Balears, denominábano castanyeta de canya, mais en Eivissa, chamábanlle calatrac; en Francia coñécese algo semellante, aínda que feito cunha noz, le cri-cri ou le cliquet, lo bartavel, na Occitania. En Euzkadi, a isto coñecíano por txepetxa e o xogo txepetxatara.

ASÍ SE FAI

material-carrizo-de-canaMATERIAL: un tubo de cana duns 20 cm de longo e cun só nó, o máis gordo posible e fío de cánabo e unha navalla.

ESTACIÓN:Inverno ou calquera época do ano.

TEMPO DE FABRICACIÓN:30 minutos.

carrizo-de-cana-paso1
carrizo-de-cana-paso-2
carrizo-de-cana-paso-3
carrizo-de-cana-paso-4
carrizo-de-cana-paso-5

Cortamos a cana pola metade e a outra sen nó, fendémola lonxitudinalmente en dous anacos e unha desas dúas partes, dividímola noutras dúas. Unha destas metades rebaixámola ata ter un cm de ancho e alisamos a cara interior para deixala plana coma unha lingüeta. Collemos o tubo inicial con nó e, un pouco máis enriba da metade, facémoslle un corte transversal en uve e logo espetámoslle a punta da navalla ata cortar sobre 1 cm de ancho. A continuación, fendemos lonxitudinalmente o tubo, dende o extremo superior ata esa fenda. Repetimos esta acción ata conseguir unha anchura de un centímetro e medio. Agora, debemos facer catro fendas en uve en ambos os extremos do tubo, os de arriba unha miguiña desprazados cara a fenda vertical e os de abaixo, centrados. Xa podemos proceder á súa montaxe. Cortamos uns 60 cm de fío e, en primeiro lugar, collemos cunha man o tubo, co nó cara abaixo. Coa outra poñemos o fío de cánabo paralelo ao tubo e ao tempo que o metemos polas fendas, dámoslle dúas voltas ao redor, tensando o máximo posible. Colocamos a lingüeta e damos outras dúas voltas ao redor e, finalmente, anoamos as dúas puntas na base do tubo. Para rematarmos a faena, só nos cómpre tirar pola lingüeta un pouco cara atrás e ir dándolle voltas ata que fique ben tensada,tendo en conta que debemos desprazala con cada volta que lle deamos. Para manipulalo, debemos premer con golpes dos dedos sobre a lingüeta que ao golpear na cana, producirá sons.

carrizo-de-cana

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 3 de Marzo do 2015 | 10:46 a.m.

Outros temas de Picaraxadas