Bailarete de Bugallo
Estes bugallos do carballo, que xa en moitos lugares denomínanos directamente como bailaretes, ao seren tan lixeiros e bulideiros, son formacións producidas por un insecto (Andricus kollari) que, como consecuencia da alimentación ou da posta, a planta produce unha reacción, provocando un desenvolvemento anormal das súas células, tecidos ou órganos. Teñen forma esférica e superficie lisa e miden entre 1 e 3 cm de diámetro e poden aparecer xuntos ou illados, adoitando xurdir en carballos novos. Son coñecidas no Estado Español como agallas bola ou agalla de Devonshire. Os máis pequenos víanlles moitas posibilidades para xogaren. Tanto podían convertelos en bólas, pulseiras, colares coma en bailaretes.
Este mesmo xoguete era moi coñecido no País Vasco, sobre todo en Biscaia. Eran consideradas como perinolas e denominábanos perinolak ou pospolinak, curabacha, cucurra ou poxpoliñak, pospila, kurkubio, kurkubita, kuskuluba, maila, txoko, … dependendo do lugar. En Cataluña tamén se facía e denominábase ballaruga ou baralluga de roure ou tamén ballaruc, galdirot e trompí. Era practicamente coñecida en todos os luares onde existían os carballos. En Sicilia tamén se ten constatado e chamábanlle strummulicchia. En Portugal téñenos feito de noz, pataca, landra verde, da metade dunha landra e chamábanlles piorras. En Francia eran coñecidas por petite toupie.
ASÍ SE FAI
MATERIAL:Un bugallo, un pauciño de uz duns 7 cm de longo ou un escarvadentes; un tarabelo ou tirafondos pequeno ou un punzón ou arame afiado; unha navalla.
TEMPO:20 minutos.
ESTACIÓN:Inverno.
Collemos o pauciño de 7 cm e afiámolo ben afiado, coma un escarvadentes, polas dúas puntas. Buscamos un bugallo o máis grande e redondo posible. Non debemos confundilo cunha coca, pois esta ten picos e non é tan redonda e lisa. A continuación, polo burato do bicho, introducímoslle, xusto polo centro do eixo, un punzón ou un arame afiado ata traspasalo, procurando que non sexa máis ancho có diámetro do pauciño. De ser o pau máis ancho có burato, adelgazamos o pau ata que entre xustiño. Empurramos ata que saia polo outro lado un centímetro. Xa temos o bailarete pronto para comezar a danza. Para simplificar o proceso de fabricación, podemos empregar un escarvadentes. Para que baile, a forma máis doada é coller o pau pola súa parte máis longa, cos dedos furabolos e matapiollos e darlle un xiro de golpe desde unha altura duns 15 cm da superficie onde queremos que baile. Que dúbida cabe, que a superficie debe ser lisa ou estar aplanada e limpa. Outra maneira, máis rechamante e espectacular, consiste en coller do mesmo xeito o pau, pero co bugallo cara arriba. Á mesma altura có anterior, pegámoslle o mesmo xiro e cos dous mesmos dedos, ponse a bailar. Outro modo de bailalo deste xeito é suxeitando o eixo longo co bugallo cara arriba contra o dedo furabolos da man esquerda e accionalo co matapiollos da dereita. De sermos zurdos, hai que cambiar ou inverter a posición dos dedos.