Foguete de mistos
Como sabemos das festas ás que se pode ir de troula ou comezar a mocear? Xa as temos no calendario mental, ano tras ano. Xa quedamos en vernos nelas e botar unhas risadas baixo a única luz da escuridade das noites longas, que a estación estival nos ofrece. Xa nos levantamos cedo para comezar o traballo rutineiro e aproveitar as primeiras horas de pola fresca e non suar en pingueiras. De súpeto, escóitanse dúas explosións, pum, pum! Que sería? Ah! O anuncio das festas na parroquia do lado. Unha chispa! Un pouco de fume! … Contra a noitiña, chegamos ao torreiro, o campo da festa. Máis estoupidos e estalidos no aire e … ese cheiro intenso a pólvora e o xiiiiiiiiiiiiiiissssss da variña do foguete coma un spunik cara ao ceo, arestora xa estrelecido. Acudiamos ao lugar onde botaban os fogos ou foguetes para ver esa fumareda e, outra vez, ese olor a pólvora. Unhas miradas cómplices e saïamos coma lóstregos, polo medio da xente, na procura da ansiada vara do foguete. Cantas máis atoparamos, máis campantes viñamos de volta ao grupo co noso premio ao esforzo de sermos os máis veloces e os que mellores caneos fixemos no medio de tanta xente bailando.
Só cumpría agardar ao día seguinte, despois de furtar uns mistos e un pequeno chisqueiro de mecha para comezar a argallar e tratar de que ese pequenos foguetiños nos fagan un pequerrecha festa.
Esta argallada era xeralizada pola Península Ibérica. Así, por exemplo, nas Illes Balears, sobre todo en Menorca, facían o mesmo e denominábano coet de mistos. En Francia fabricaban o pétard avec allumette, aínda que envolvían varias cabezas de misto no papel de prata e logo con outro misto, prendíanlle lume.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha caixa de mistos e papel de prata das chocolatinas ou chocolates, ou de aluminio. TEMPO: Uns quince minutos. ESTACIÓN: Calquera época do ano. |
Dunha caixa de mistos, quitamos uns 8 mistos. A catro deles, sacámoslles a cabeza e metémolos nun anaquiño de papel de prata.
A outros tres introducímoslles a cabeza envolta en papel de prata. O misto restante cortámolo a 2 milímetros da cabeza e introducímolo entre os outros tres mistos, coa cabeza cara abaixo para que prenda este antes cós outros.
Para que este artello se converta nun verdadeiro simulacro de foguete, só nos cómpre prender a cabeza pequena, que logo inflamará as outras e o foguete levántase unha miguiña do chan, despois do funguido que os caracteriza.