publicidade hoxe

Lancha de noz

Lancha de nozNon podía ser doutra maneira, pois Galicia foi dende sempre un país dos mil ríos e rodeada por un mar Cantábrico e un océano Atlántico que nos abriu camiño á América da emigración e á outra da salvación da Guerra Civil. O cantigueiro popular aludía a esta distancia insalvable para os namorados:

Se o mar tivera barandas,

fórate ver ao Brasil,

mais como non as ten,

meu amor, ¿por onde vou ir?

Lancha de nozDaquela non é estraño que este imaxinario lúdico chegase ás mans dos nenos, nas súas ansias de aventura e na recreación de todas as historias que lles chegaban aos ouvidos, narradas polos seus avós ou veciños nesas longas noites de inverno, sen luz nin televisión.

Este tipo de embarcación se cadra sexa a máis popular de todos os barcos, pola súa facilidade para ser construído. Na parte castelán de España é coñecido como barco de nuez. Nas Illas Baleares chamábano vaixell de nou amb vela. En Italia a este tipo de barquiño denominábano tradicionalmente guscio di noce  (casca de noz). En Portugal era coñecido por barco de casca de noz ou batel, tamén, ás veces, engadíanlle na parte aguzada da casca da noz un pauciño ou escarvadentes que lle metían por un buratiño, que facía de mastro horizontal e de aí enganchaban uns fíos ao mastro central, lembrando as embarcacións transoceánicas. Podían tamén trocar o lastre de cera por unha rodiña de pataca, cenoria ou cortiza. Na Bretaña francesa popularizouse como bateau de coquille de noix et peau de marron, é dicir, unha lanchiña de casca de noz e unha vela de pel de castaña.

ASÍ SE FAI

Material lancha de noz

MATERIAL:Unha noz ou a metade dela, o máis grande posible; unha folla de loureiro ou papel de cartolina; unha vela ou plastilina; un pauciño fino ou escarvadentes e unha navalla.

TEMPO:15 minutos.

ESTACIÓN:Outono ou inverno.

Abrimos unha noz pola metade, meténdolle a punta da navalla por unha das xuntas da cabeza, e deseguido baleirámola coa mesma navalla, ata que non lle quede absolutamente nada dentro. Ao partila xa temos dúas metades, para poder facer dúas lanchiñas. Temos que facer un pauciño estreito e fino, duns 4 cm de alto. De non querermos pasar o traballo de facelo, podemos empregar un escarvadentes, aínda que queda máis enxebre a primeira opción. Este será o pau do mastro. Agora collemos a vela, acendemos a candea e vertemos a cera derretida na casca, co mastro espetado, e enchémola ata a metade da súa capacidade. De non termos o cirio ou se temos medo a queimarnos, podemos utilizar o recurso máis moderno da plastilina. Co mastro colocado e seguro, despois de deixarlle arrefriar á cera, collemos unha folla dun tamaño axeitado ao mastro e furámola por dous sitios e cravámola no pauciño. Xa teriamos a vela feita e colocada. Esta vela tamén pode ser de papel recortado a medida proporcional da casca. Finalmente, podemos botar a nosa embarcación a nadar por un rego abaixo, nun lavadoiro, pío, estanque ou poceira con auga.

Lancha de noz Lancha de noz paso 2 Lancha de noz
Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 13 de Febreiro do 2014 | 12:44 p.m.

Outros temas de Picaraxadas