Cabalo de Patacas
Un dos moitos traballos colectivos que se facían nas nosas aldeas, antes de chegaren as présas do século XXI, era o labor de apañar as patacas. As do cedo, aquelas que se botaban polo mes de febreiro e viñan a finais de maio ou comezos de xuño, eran para ir comendo nesa época, porque as do pasado ano xa ían revellecidas e duras e o padal agradecía estas máis substanciosas e doces. A recolleita destas non era colectiva, senón que cadaquén ía apañando segundo ía comendo. Non obstante, aquelas que eran para gardar, para comer todo o ano, apañábanse a finais do verán e axudándose uns veciños a outros. Cadaquén tiña a súa tarefa, os varóns maiores levantábanas co arado ou cun gadaños de tres dentes, as mulleres recollían as grandes e medianas en cestos, de costelas ou de vimbios, e os nenos e nenas tiñan destinada a tarefa de recoller os patacolos, aquelas patacas máis pequerrechas e que ían destinadas, as máis das veces, xunto coas adentadas para mantenza de porcos ou vacas. Esta era a ocasión de poñer a imaxinación a funcionar e facer, nos momentos de vagar, estes cabalos ou outros animaliños domésticos que adoitaban ter ao seu redor todos os días.
Os animais en xeral e o cabalo, en particular, confeccionáronse ao longo da historia para serviren de enredos a nenos e nenas. Desde a Antigüidade o cabalo ía unido aos grandes guerreiros e foi sendo case un símbolo nas casas poderosas nas que o dono de grandes facendas paseaba mirando a súas posesións derriba do seu lombo, Deste xeito, este brinquedo aparece nas zonas rurais de moitas partes do mundo. Nas Illas Baleares, por exemplo, á parte da figura do cabalo, tamén lle engadían aveños de labranza. Denominábano cavall amb patata. En Francia tense rexistrado tamén este animal, pero con cabaleiro incluído. Poñíanlle rabo cunha gramínea e o cabaleiro era de madeira, espetada na pataca, na que gravaban as dúas pernas. Chamábanlle cheval et son cavalier. En Portugal, igual ca en Galicia, era coñecido por cavalo de pataca.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha pataca grande ou mediana e unha pequena, catro pauciños de 6 cm, un pauciño de 5 cm, dous pauciños de 2 cm, un pau curvado de 4 cm e unha navalla.
TEMPO: 15 minutos.
ESTACIÓN: Verán.
Buscamos unha pataca mediana e outra pequena, non importa a clase nin a cor, porque a función estaba clara, tiña que converterse en cabalo. Unha vez seleccionada a pataca mediana, preparamos os catro pauciños, aguzándoos por unha das dúas puntas. A continuación, afiamos outro polas dúas puntas e, finalmente, tamén aguzamos o pauciño curvo pola punta que leva a curva. Espetamos os catro pauciños na pataca mediana, abertos un pouco e equidistantes, para que se sosteña en pé. Co corpo feito, xa podemos unir a pataca pequena, que fará de cabeza, co corpo a través do apuciño aguzado polas dúas puntas. Este non o introducimos de todo para que quede un anaquiño á vista, que nos servirá de pescozo. Para completar o animal, collemos o pauciño curvo e espetámosllo por esa punta na parte traseira, facéndonos de rabo. Só nos queda facer as orellas e colocarllas no lugar que merece a cabeza. Deste xeito, collemos dous pauciños e rebaixámolos ata quedaren planos e dámoslles a forma, o máis semellante posible, de orella. Podémoslle dar de comer as tomateiras das propias patacas, poñerlles carga ou aparellos de labranza.