publicidade hoxe

Cabalo de cortiza

cortizas“Para quen é o cabalo, chega ben a ferradura” ou “Cabalo grande, ande ou non ande”. O cabalo sempre foi símbolo de fartura e fachenda para quen o tiña. Sempre era mellor ter un, ca un burro, campaba máis. Dende logo, aquela casa que tiña un bo cabalo era símbolo de riqueza, pois para mantelo xa había que ter maneira. Neste aspecto era incomparable cun burro. Estes era de baixo consumo, aínda que fosen máis testáns e cabezudos. Evidentemente, aos máis pequerrechos da familia tampouco se lles escapou esta situación de cabalo fronte a burro, por moito que estivese este último no portal de Belén ou levase so protagonistas polo camiño adiante. Aí vén o de “cabalo grande, ande ou non ande”. Os restos das rollas das botellas deron moitas posibilidades de construción destes animais, ao ser un material doado de conseguir e de manipular. Este enredo aparece en todos os lugares en existan este tipo de cortizas. Evidentemente, poden cambiar os modelos e os xeitos de o facer, pois vai variar en función da imaxinación de quen o confeccione.

Con rollas ou cortizas facíanse multitude de animaliños, todo dependía unha miguiña da imaxinación de quen os ideaba.

ASÍ SE FAI

MATERIAL:Dúas rollas de cortiza, dous anacos dun pau redondo duns 10 cm, un tarabelo, pincho ou subela e unha navalla.

ESTACIÓN:Calquera época do ano.

TEMPO DE FABRICACIÓN:Tres cuartos de hora, pouco máis ou menos.

cabalo-de-cortiza-paso-1
cabalo-de-cortiza-paso-2
cabalo-de-cortiza-paso-3
cabalo-de-cortiza-paso-4
cabalo-de-cortiza-paso-5
cabalo-de-cortiza-paso-6

Debemos comezar por facerlle a cabeza ao animal. Para iso, collemos unha das rollas de cortiza, fendémola á metade e imos tratando de darlle unha forma, coa navalla, aproximada ao que sería a cabeza do devandito equino. Deseguido, fendemos, lonxitudinalmente, un dos anacos de pau en catro cuartos e, con cada un deles, moldeamos o que serían as futuras catro patas do cabalo. A súa medida debería ser unha miguiña máis curta que a da propia rolla de cortiza. Por un dos extremos, o que vai introducido na cortiza, pode ser un pouco afiada, para que se chante mellor, e ou outro extremo, podemos cortalo cun pouco de bisel para que asente ben no chan, coma se dunha ferradura se tratase. Agora debemos facer as orellas e o rabo. Fendemos o outro pau que nos quedaba, á metade. Facemos dúas taboíñas deste pau, de 2 mm de espesor. Empezamos por facer a forma de dúas orellas, duns 2 cm de longo e tamén cun extremo afiado para espetarse mellor. A continuación, realizamos a forma do pescozo, sempre un pouco máis ancho contra a parte que vai suxeita ao corpo e puntiaguda contra a cabeza. Finalmente, facemos un rabo, duns 3 cm de longo, redondeado e afiado contra a parte que vai suxeita ao corpo. Só nos queda facer a montaxe de toda esta armazón. Podemos comezar polas orellas e o pescozo, uníndoas á cabeza. Deberemos, previamente, facer uns furadiños, co tarabelo, nesta parte e, logo, espetalas. Colocamos este conxunto no corpo, ben apertado. Pasamos a facer uns buratos na outra cortiza, para pór as patas. Deben ficar un pouco abertas para que a suxeición sexa máis segura. Por último, só nos cómpre espetarlle o rabo. Todo este proceso de fabricación podemos simplificalo substituíndo as pezas de madeira por escarvadentes, aínda que queda moito máis realista realizándoo como se propuxo ao comezo.

cabalo-de-cortiza

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 21 de Xullo do 2015 | 11:04 a.m.

Outros temas de Picaraxadas