Dardo
É unha argallada coñecida por todos os recunchos do mundo. Iso si, pode ser feito de diferentes formas, mais o obxectivo final é igual para todos, apuntarlle ou atinarlle a un punto determinado, ben sexa contra a unha porta na que se pintaba unha especie de diana cun tizón, ou contra calquera outro obxectivo marcado, sinalado ou mesmo espontáneo. Algo que si está claro é que a manifestación da puntería foi e é un aspecto que chama a atención de pequenos, mais tamén dos grandes.
En Galicia, aparecen rexistrados outros tipos segundo o material empregado para os realizar. Antón Cortizas ten rexistrados espichaportas ou espichalagartos, feitos con escarvadentes; dardo de carozo de millo, de pau e penas, ou os de plumiña e papel, plumiña e cana de pau, plumiña e pluma de ave. No País Vasco aparecen os dardoa con escarvadentes e agulla de coser, ou os dardoak, de pau e plumas. Por España eran coñecidos os dardos de palo y clavo ou de tabliña y aguja. Nas Illes Balears falan de dards e podían ser galotxa (fletxa), un dardo con punta, madeira e cartolina, coma o noso máis común, ou dard amb plomí (con plumiña). En Catalunya tamén se denomina la fletxa.
ASÍ SE FAI
Despois de buscar a poliña axeitada, amañámola convenientemente e facémoslle un burato no centro dun dos extremos, duns 3 cm de longo. Por este extremo do burato feito, afiamos o pauciño coma se fose un lapis. No extremo contrario facémoslle unha fendedura cruzada duns 3 cm de profundidade. De seguido, cravámoslle a punta, ficándonos unha puntiña de 1 cm de longo. A continuación, trazamos na cartolina un cadrado duns 12 cm de lado coas súas diagonais e medianas correspondentes. Agora pregamos as medianas cara a un lado e as diagonais cara ao outro. Pregamos polas dobreces e introducimos este cartón polas fendas practicadas na poliña. Unha forma de introducila de xeito ben doado é meter, antes deste proceso, un escarvadentes ou punta delgada entre as fendas e, despois, introducir definitivamente e ben axustado o cartón pregado. Debemos procurar un lugar onde demostrarmos a nosa puntería, ben cunha diana feita para a ocasión ou unha porta vella de madeira ou un pau da luz ou teléfonos. Cabe engadir, que este argallo pode ser perigoso se é mal usado.