Pistola de sabugueiro
Esta árbore, que é coñecida en toda Galicia, ten un feixe de nomes, o cal demostra, efectivamente, o seu esparexemento total pola nosa xeografía. Denominábase tamén biouteiro, bieiteiro, samugueiro, xabuco, saúco, sabugo, xabucu, naiteiro, pau viradoiro, xabugu, cabugo, beleiteiro, birauteiro, sambuco, … Este tipo de pistolas, realizadas nesta madeira, con este sistema de disparo ou outro son moi coñecidas, non só aquí senón en grande parte de Europa. Por exemplo, en Francia empregaban unha moi semellante, aínda que só tiña o tubo e logo un resorte cravado nun extremo e encaixado na fenda, que ao apertalo disparaba un pauciño, e denominábana pistolet arbalète, é dicir, coma unha especie de bésta.
ASÍ SE FAI
Imos primeiro á procura dunha póla axeitada que se nos semelle, o máis posible, a unha pistola. O habitual é que esta póla se forme debido á inclinación dunha póla maior e que procura a posición vertical co nacemento doutra poliña. Esta última sería a empuñadura da pistola e a póla principal faría de canón. Fixámonos entón que a póla máis vella, a do canón, sería máis grosa que a da propia empuñadura. Daquela non nos debemos estrañar que resulte ao revés do que nós imaxinamos como a forma máis común que adoita ter unha pistola, coa empuñadura máis grosa có canón. Unha vez que a cortamos coa devandita forma de pistola, debemos procurar que non teña ningún nó no medio, para facilitar o seu baleirado. Procedemos, deseguido, a facerlle ao canón, dende as cachas en dirección á boca, unha fenda duns 12 cm de longo e uns 3 mm de ancho. Para facela, chantamos a punta da navalla ao lado das cachas e logo no outro extremo e imos sacando tiras lonxitudinais, ata facer a fenda axeitada que nos chegue á parte branda do sabugueiro. De querermos facilitar o labor, podemos empregar un trade cunha broca fina, espetada nos mesmos lugares cá navalla. Facemos agora o baleirado interior do tubo coa propia vara do paraugas ou cun arame con mango ou cun ferro quente, ata que ese miolo sexa quitado totalmente. A continuación, dobramos a variña, en ángulo recto, a uns 3 cm e cortámola a uns 30 cm, máis ou menos. Espetamos, pola fenda, contra as cachas eses 3 cm de vara e logo curvamos o resto coma un fouciño e introducimos a punta na fenda, quedando enganchada contra o tubo. Outro xeito de cortar esta vara, para que fique máis exacto o corte, é que, unha vez que vemos a que altura lle queda despois de dobrar, cortamos por ese lugar e logo enganchamos. Para accionala, apertamos a vara, cara atrás, pola parte inferior e observamos que tende a perder o agarre coa parte superior do tubo, ao tempo que a súa elasticidade faina proxectarse cara adiante, ata contactar con forza contra o proxectil, previamente introducido no canón. Estes proxectís, dependendo un pouco do diámetro do burato do canón, podía ser carabuñas de cereixas ou guindas, lorbagas de loureiro, garavanzos ou algo semellante e que non se coase pola fenda e saíse con facilidade polo canón.