Perinola
|
Alí estaba todo o conxunto do que cumpría para facer reparacións cotiás a todo tipo de vestimenta. As tardes chuviosas do inverno eran o momento que se adoitaba utilizar para esta labor de costura, porque as nais ou avoas, por mor das incesantes chuvias ou treboadas, non saían ao atafego dos campos e aproveitaban para pór ao día todo o atrasado na tarefa de coser, zurcir, coser, remendar ou cortar. Tamén os nenos estaban á espreita para escapar cun carrete que se remataba e reempregalo en algo máis alegre e bailarín coma unha perinola.
En Galicia tamén é coñecida cos nomes de mincha ou mesmo peonela, é dicir, coma se fose un peón pequeniño, mais que manexamos con dous dedos da man, sen que nos cumpra ningunha tralla para botala. Así, igual có seu irmán maior, o trompo ou peón, a perinola é coñecida por moitos lugares, aínda que con denominacións moi variadas. En Cataluña é popularmente nomeada como ballaruga de rodet buit (bailarete de carrete de fío). Nas Illas Baleares recibía o nome común de Trompitxol de rodet de fil. Na Bretaña francesa e no resto de Francia chamábanlle Toupie de bobine de fil. En Euzkadi falaban de perinolak, pospolinak , bailarines e non só as facían con carrete senón tamén moldeando madeira de abeleira. En Iparralde, zona vasca en territorio francés, chamábanlles dantzado.
ASÍ SE FAI
TEMPO: 30 minutos. ESTACIÓN: Inverno. |
Malia que non vai ser doado atopar os xa vellos carretes de fío, nós non debemos de deixar de intentar buscalos. Podemos visitar as vellas tendas das aldeas ou parroquias, que sempre poden ter quedado no esquecemento dentro dalgún caixón. Mesmo as vellas costureiras e xastres, tamén nos poden botar algunha man. Co carrete na man, cortámolo pola metade do eixo. Quédannos así dous anacos iguais. Collemos o pau de 4 cm de longo e imos rebaixándoo coa navalla ata que nos entre, ben axustadiño, polo burato do carrete. Rebaixado xa, introducímolo polo buratiño da roda ata que nos saia polo oco do eixo. Cando saia, só temos que afialo coma se dun lapis se tratase. Quédanos unha puntiña sobre a que dará voltas a perinola ó accionármola cos dedos. O normal era facelas bailar en superficies planas, intentando cada un que a súa durase máis tempo bailando cás dos outros.
![]() |
![]() |
![]() |