Chifre de abelá
Esta argallada musical xurdía, basicamente, na estación outonal, cando comezaban a caer as abelás ou se vareaban para proceder á súa recolleita. Non podemos esquecer que a casca da abelá está máis mol neste momento porque está menos seca e non máis adiante, cando xa o proceso de secado rematou. Aínda así, tamén se podían facer máis adiante porque en moitas feiras e mercados podíanse adquirir, sendo un produto moi prezado dada a súa inexistencia nas casas, porque, xa se sabe, cando algo non temos é cando máis se devece por el.
En Galicia tamén é coñecido por asubío de abelá. Pablo Carpintero fala de asubíos con furados tonais, entre os que inclúe os de noz ou bugallo. En Francia, Christine Armengaud, por exemplo, denomínaos sifflets globulaires, neste caso de noisette. Funcionaban a xeito de ocarina e, en moitos casos, servían como reclamo de certos paxaros.
Este tipo de enredos musicais son coñecidos en todo o mundo e van soar de xeito distinto, dependendo do material e do número de buratos, así como o diámetro destes.
ASÍ SE FAI
MATERIAL: Unha abelá, un tubo delgado de cana, cola de pegar, un tarabelo e unha navalla. ESTACIÓN: Finais do verán ou comezos de outono. TEMPO DE FABRICACIÓN: Unha media hora. |
Unha vez xunto todo o material, comezamos por realizarlle o primeiro, e máis grande, burato a abelá. Podemos empregar para este labor unha pedra de granito, áspera, pedra de afiar ou mesmo lixa. Imos rabuñando pola parte da punta da abelá ata que xurda un pequeno burato alongado. Cando estea feito, baleiramos este froito co tarabelo ou, de non o termos, cun arame duro. A continuación, iniciamos a realización do primeiro burato nunha parte da barriga da mesma. Para isto, xiramos a punta da navalla ata que vaia aparecendo un furadiño duns 2 ou 3 mm de diámetro, dependendo sempre do tamaño da abelá. Despois faremos tantos como nolo permita o perímetro da abelá, iso si, deberemos separalos uns 5 mm, ata un máximo de tres destes, pois de facermos máis, non sería tan doado tapalos todos.
Preparamos un tubo de cana duns 8 ou 10 cm de longo e, como moito, 1 cm de grosor; mellor máis fino. Un dos extremos cortámolo transversalmente e outro, a xeito de bisel alongado para que asente ben derriba do burato máis grande da abelá. Deberemos ir probando a inclinación do tubo antes do pegado final, para irmos vendo cal é a posición que mellor se axeita á hora de alcanzar un mellor son. Realizado este tipo de probas, procedemos ao pegado final, feito cunha cola comercial ou con algo máis natural, como é a resina de cerdeira.