Grileira de cana
Este tipo de gaiolas para diferentes tipos de insectos ou pequenos animais é coñecida mundialmente, aínda que vai depender do tipo de materiais disponibles. Nas Illas Baleares, denominábana gàbia de canya e, en vez de roda de táboa para fondo, tiña unha de cortiza. En Cataluña, chamábanlle gabieta de grills. No País Vasco, empregaban para este fin recipientes como caixas de mistos, de cartón ou botes de conserva con buratiños e denominábanas txolopote, aínda que moitas veces para levalos para a casa, utilizaban as txapelas ou panos. En Portugal, falaban de gaiola de grilo de cana e cortiça e podía levar no extremo do nó do tubo, un buratiño para colgala e tamén a rodiña podía ser de casca de piñeiro. Tamén a denominaban caixa para grilos. Tiñan por costume facer outra gaiola de cabaza, na que levaban os grilos para seren empregados como engado para a pesca.
Para pillar os grilos, porque ás veces resistíanse abondo, empregábanse varias artimañadas. Unha das máis socorridas era facerlles rabiar introducíndolles unha palliña polo burato e darlle voltas cos dedos ata que saíran para fóra. Se así non funcionaba, había que lles botaba unha pouquiña de auga, de habela, ou senón cumpría botarlle unha mexadiña. Se aínda non saía, cabía a posibilidade de que o tal grilo andase por fóra de troula e non estivese no seu agocho ou que era moi terco. Daquela recorríase a introducirlle algunha formiga doente e entón non había quen se resistise.
ASÍ SE FAI
Comezamos pola preparación do cristal que fará de tapa e ventá da futura gaiola. Para recortalo, a maneira máis doada, sería ir apertando coa punta do alicate no vidro, comezando pola esquinas, ata ir dándolle a forma redondeada que se pretende.
Deseguido, collemos o tubo de cana, axeitámoslle os extremos, conservando os dous nós, de xeito que fiquen ben puídos. Á altura do medio da devandita cana, atámoslle o cordón ben apertado cun nó ben forte, para que non se solte.
Para facer este nó de amarre debemos primeiro coller o cordón e dobralo a uns 40 cm do seu extremo, colocado coa dobrez cara a un lado e, a seguir, imos dándolle voltas por riba del ata case rematar o cordón.
Chegados a este punto, metémolo por dentro da dobrez e tiramos do outro extremo del.No cordón restante facémoslle unha ansela a uns quince centímetros. Finalmente, cortamos o cordón restante.
Agora, coa navalla, a un extremo do tubo facémoslle unha fenda ata chegar ao cordón atado no centro. A continuación, repetimos esta mesma operación espazando cada unha das fendas uns 3 mm, ata chegar de volta á primeira que tiñamos feito.
Xa estarían feitas as rellas da gaiola. Para rematarmos a tarefa, temos que introducir o vidro redondeado entre as rellas, pouco a pouco, con coidado de non rompelas e ir repartíndoas equitativamente, para que non se bote o grilo ou grilos fóra.
Introducimos o grilo ou grilos dentro, metémoslle uns anacos de leituga e listo. Colgábase a grileira ao sol nun fecho dunha ventá, para que cantasen.
Contra atrás, se estaban moi acalorados, no inicio da gaiola, onde leva a atadura do fío, podían agocharse coma se fose o seu agocho natural nun prado ou leira calquera.