publicidade hoxe

Boina de folla de castiñeiro

castineiro-pineiroBen doado era ver os nosos avós e os avós dos nosos avós con boinas na cabeza con aquel rabicho que lles saía xusto no centro. Tampouco é a primeira vez que eses netos fedellos e argalleiros, nun descoido do velliño avó cando ían con el coidar do gando, lle collían a boina e xogaban con ela a lanzala dando reviravoltas polo aire ata apañala o que estaba en fronte. Isto supuña certo enfado por parte do ancián e, para que lla devolvesen ao seu sitio natural, este prometíalles e facíalles no verán unhas gorriñas substitutivas da orixinal. Unhas veces era co pano dos mocos facéndolle catro nós nas respectivas esquinas e adaptándoo á cabeza do neno e outras, confeccionáballes esta de folla de castiñeiro. Claro está, que para arrebolala polo aire non valía, pero si para converterse en improvisados guerreiros ou mesmo velliños coma o seu avó. Noutras ocasións, estas boinas utilizábanas como recipientes para gardar amorodos, castañas ou mesmo moras, para logo papalas descansadamente e por xunto, á sombra de calquera árbore.

Este tipo de boinas ou gorras son bastante comúns nas zonas de castiñeiros da Península Ibérica. En Euzkadi, ademais de facelas con folla de castiñeiro, tamén empregaban o carballo e, máis modernamente, as follas do plataneiro.

ASÍ SE FAI

boina-folla-castineiro-materialMATERIAL:Dúas ducias de follas de castiñeiro, unha presa de agullas de piñeiro e unha navalla.

TEMPO:Media hora.

ESTACIÓN:Verán.

boina-folla-castineiro-paso-1
boina-folla-castineiro-paso-2
boina-folla-castineiro-paso-3

Comezamos cosendo igual que o faciamos co gorro, pero colocando dúas follas superpostas, unha cara a un lado e outra cara ao outro. No gorro, unímolas, pola beira ou bordo, cunha agulla, previamente cortada polo cu, comezando pola cara interna ou envés da folla ata as puntas e deixando a última puntada cara ao interior. Ao cosermos, cada nova folla que engadamos irá colocada por derriba da anterior. Debemos lembrar que neste caso da boina, as follas van cosidas unindo a punta co cu das follas, non só puntas. Seguimos unindo unha terceira folla ás anteriores, na mesma posición cá primeira. Así xa temos feita a parte superior da boina.

Para facerlle o bordo, colocamos outra folla máis, cosida da metade cara atrás, é dicir, cara ao rabo. A continuación, collemos outra folla e cosémola dende a punta tamén cara atrás, pero apertando un pouquiño para que vaia collendo a forma abombada que semelle unha boina. Este proceso irémolo realizando con todas as follas, ata chegar a aquela primeira. Agora debemos introducir esta última por debaixo da punta daqueloutra e coser. De non conseguirmos a forma axeitada, colocámoslle, da mesma maneira, outro segundo aro de follas ben apertadas.

Outro tipo de chapeu conseguíase facendo primeiro un aro con dobre cosido por ambas beiras das follas superpostas. Colócanse unha derriba doutra coas puntas sempre cara ao mesmo lado e, a última, cósese por debaixo da punta da primeira. A seguir fixamos unha folla pola parte interior do aro coa punta cara arriba. Colocamos outra fronte a esta e na mesma posición. Equidistantes a estas, prendemos outras dúas. Cosemos as puntas destas catro follas e, de así o querermos, podemos colocarlle outra, tamén na mesma posición, para adornar. Existen tantas variantes como imaxinación teña a persoa que a faga.

boina-folla-castineiro

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 29 de Xullo do 2014 | 11:55 a.m.

Outros temas de Picaraxadas