publicidade hoxe

Pistola de pinza de lavandeira

pinzasA pinguela, a fonte da Pumarega, a fonte de Mariarrica, a fonte da Chousa, a fonte da Chiquita e así ata un feixe delas. En todas as aldeas existían destes mananciais que nos agasallaban coa súa auga fresca e cristalina. Unhas con poza onde podía beber o gando, outras con cano, pincho ou pincheira onde se podía beber directamente, encrequenándose unha miguiña, ou achegándolle un caldeiro, porrón, botella, sella ou similar, para levar o reconfortante líquido para a casa e ser bebido despois ou empregado para cociñar. Non obstante, aquelas que daban máis xogo ou brincadeira eran as que tiñan lavadoiro. Estas, á parte de seren unha verdadeira fonte de noticias e rexoubas, tamén era algunha que outra vez, lugar de encontro para argallar. O segredo agochado ficaba gardado na bolsa das pinzas que as lavandeiras levaban, para despois penduraren a roupa nos arames amarrados a uns paus, os tendais, que se colocaban en lugares ventosos ao pé das casas, para que enxugase convenientemente. Daquela, mentres que este proceso non se iniciaba, os nenos aproveitaban para enlearse en mil e unha batallas de auga ou con estas pistoliñas que montaban coas pinzas de madeira que levaban as súas nais, avoas ou parentas próximas. Rematada a tarefa de lavar, acababa a guerra e comezaba o transporte da roupa mollada nos baldes de cinc que os nenos e nenas axudaban a levar ata o tendal, agarrando cada un por cadansúa asa. A loita quedaba adiada para a seguinte lavada.

Polo territorio estatal era coñecida como pistola de pinzas. Nas Baleares e Cataluña, eran coñecidas como pistola de gafes. En Francia denominábase pistolet en épingle à ligne de bois ou pistolet en pince de bois. En Italia é coñecida por pistola spara-mollette.

ASÍ SE FAI

pistola-pinza-lavandeira-materialMATERIAL: Dúas pinzas de lavandeira, pero de madeira. Ferramenta non cómpre.

TEMPO: Uns dez minutos.

 ESTACIÓN: Calquera época é boa.

pistola-pinza-lavandeira-paso-1
pistola-pinza-lavandeira-paso-2
pistola-pinza-lavandeira

Collemos dúas pinzas de lavandeira. A unha delas deixámola tal como está, é dicir, non lle tocamos para nada, e á outra desmontámola e sacámoslle o resorte. Deseguido, con ese resorte que quitamos, enganchámolo nunha das dúas partes desmontadas, coma se fose un gatillo. Primeiro introducimos unha pata dese resorte na fenda cóncava da parte de arriba da pinza e logo, a outra pata metémola na fenda da parte de abaixo. A continuación, introducimos a parte desta pinza que lle acabamos de montar o gatillo na outra. Metémola pola parte máis estreita, quedando abrazada polo gatillo a pinza que non desmontamos. No medio das dúas poñíaselle un pequeno proxectil con outra parte de pinza, gran de millo, lorbaga de loureiro, carabuña de cereixa,… e só queda premer o gatillo cara atrás e saía disparado o devandito proxectil.

PLG log (1)

Por: Xosé López González e Xosé Manuel García
Publicado o 8 de Xuño do 2018 | 10:39 a.m.

Outros temas de Picaraxadas